
Manuel Loureiro inaugura unhas xornadas culturais que pecharán este sábado Hector Abad Faciolince, Sandra Ferreiro ou Rodrigo Cota, entre outros
18 oct 2024 . Actualizado a las 15:52 h.Cunha charla entre Manel Loureiro, galardoado co Premio de Novela Fernando Lara con Cuando la tormenta pase, e a xornalista Susana Pedreira arrancou este xoves no Museo o primeiro Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, iniciativa que busca dar resposta «ao interese e talento da mocidade da provincia polas letras e as artes, así como para redondear a aposta pola cultura» a través da voz de autores consagrados e emerxentes ou integrantes da industria.

«Pontevedra escríbese nos rengróns da creatividade e das raíces. Este primeiro Encontro Pontevedra Literaria da boa mostra do enorme e numeroso talento que teñen as letras da nosa terra», remarcou previamente o presidente da Deputación de Pontevedra, quen estivo acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela. «Esta primeira convocatoria nace precisamente das inquedanzas, da agudeza e do dinamismo da xuventude da nosa provincia para producir obras literarias de gran calidade. Cada ano, esta casa entrega os Premios á Xuventude, uns galardóns que recoñecen o traballo realizado polos nosos mozos e mozas en distintos ámbitos das artes ou da ciencia. Pero había dúas categorías, a de creación literaria e fotografía orixinal, que ano tras ano atraían a maior cantidade das achegas. É a evidencia de que a nosa mocidade ten unha especial atracción polas letras e pola imaxe. E nós, como Deputación, decatámonos de que había que facer algo para satisfacer ese apetito e nutrir esa creatividade. Esta é a resposta: un encontro único», remarcou Luis López.

Nesta primeira xornada, na que se contou coa actuación musical de Xacobe Medina, desenvolveuse unha mesa redonda con Arantza Portabales, Ángela Banzas e Rafa Cabeleira arredor da posibilidade de Vivir das letras, lema, por outro lado, destas xornadas. A segunda sesión, que se celebrará este venres e estará dirixida por Bibiana Villaverde, xornalista de RadioVoz, inclúe a conferencia La guerra y las letras a cargo do escritor hispanoamericano Hector Abad Faciolince, unha segunda mesa redonda con Sandra Ferreiro, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira, o recital dun poema de Borges, a actuación musical de Andrea García e a participación do deputado Jorge Cubela.

Actividades paralelas
Por outra banda, Pontevedra Literaria nútrese cunha serie de actividades paralelas que apoian outras ramas da cultura e das artes. É o caso da exposición fotográfica que se pode visitar no vestíbulo do Pazo Provincial, que exhibe as imaxes dos gañadores da categoría de fotografía dos Premios Provinciais á Xuventude, ou a mostra pictórica do Edificio Castelao coa obra de catro pintores emerxentes da provincia.