Pontevedra despide as mostras centradas en Blanco Cicerón e Méndez Nuñez
PONTEVEDRA
O Museo Provincial clausurará ambas exhibicións este mesmo domingo en horario de mañá
10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo, en horario de 11.00 a 14.00 horas, será a última oportunidade de gozar coa mostra O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao museo, así como coa instalación temporal sobre Casto Méndez Núñez. Ambas exhibicións atópanse no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
A primeira destas mostras supón unha oportunidade única para introducirse no gabinete de coleccionista de Ricardo Blanco Cicerón, quen «entre finais do século XIX e principios do XX atesourou unha vasta colección de obxectos, entre os cales destacan as xoias protohistóricas, con torques, diademas e aneis, machadas de bronce, moedas, medallas, documentos medievais e outras moitas pezas de diversas épocas. Isto levouno a ser recoñecido como o coleccionista de maior relevancia para a historiografía de Galicia», destacaron dende o MuEDeste xeito, exhíbense pezas destacadas da colección de Blanco Cicerón que forman parte do acervo de destacados museos galegos e nacionais. Así, podense observar mobiliario e outras artes decorativas, aparellos relacionados coa numismática, fotografías, pinturas e publicacións, procedentes do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións, o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, coleccionistas particulares e os fondos do Museo Provincial.
É de subliñar que «a maioría das pezas presentes na exposición nunca foran expostas antes». Así, resaltan, a modo de exemplo, varios mobles monetarios, un grafoscopio monoestereoscópico, que se empregaba como lente de aumento, unha escolma de entalles e camafeos, os baleirados en xeso das columnas de San Paio de Antealtares, que se atopan actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional, o raro Libro da Confraría do Cirial de San Ildefonso ou de Cambiadores da Catedral de Santiago (1429-1548), pertencente a un dos gremios máis antigos de Compostela, así como varios lenzos e pezas da vastísima colección de medallas e moedas de Blanco Cicerón que se conservan no Museo de Pontevedra.
Tamén remata a instalación temporal composta por unha pequena escolma dos amplos fondos do Museo vinculados ao navegante Casto Méndez Núñez. Trátase tanto de obxectos e documentos persoais que lle pertenceron como esculturas e pinturas que reflicten a popularidade que acadou ou a transcendencia social do combate de El Callao, no Perú, que lle deu sona. Dende o Museo resaltaron o feito de que a maior parte destes fondos exhibíronse ata o 2013 no edificio García Flórez, na sala que recreaba o seu despacho e na reconstrución da cámara da fragata blindada Numancia, a primeira do seu tipo que circunnavegou o globo terráqueo.
A estes engadíronse outras conservadas nas salas de reserva e os que forman parte dos fondos documentais. Ocupa unha posición central a maqueta da fragata Numancia, un modelo de 3,1 metros de longo e 1,8 metros de alto contemporáneo da construción entre 1862 e 1864.