A Semana Lorquiana afonda na relación do poeta granadino con Pontevedra e o Museo
PONTEVEDRA
Ao longo destes días, desenvolveranse visitas escolares, un concerto e unha andaina
13 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha serie de visitas con contacontos concertadas con centros escolares ao Museo de Pontevedra, a Deputación arrancou este martes, por sexto ano, a Semana Lorquiana, iniciativas dedicada a lembrar as visitas de Federico García Lorca á cidade do Lérez. Estas visitas completaranse, ao longo dos próximos días, cun concerto ilustrado e unha camiñada lorquiana pola capital provincial.
Deste xeito, este mesmo xoves, a partires das 19 horas, o Edificio Castelao acollerá o concerto ilustrado Federico García Lorca, poeta galego. Trátase, segundo explicaron dende o Museo Provincial, dun espectáculo dirixido ao público adulto no que, a través da narración, a música e a ilustración, se fai un percorrido pola obra e a estadía galega de Federico García Lorca. Esta actuación corre a cargo de Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e Polo Correo do Vento.
Pola súa banda, xa o sábado, está programada unha andaina pola cidade co título Federico García Lorca en Pontevedra. Tamén dirixida a un público adulto, esta actividade sairá dende o Edificio Castelao ás 12 horas e para tomar parte é preciso inscribirse no correo polocorreodovento@hotmail.com.
En canto ás visitas escolares, estas desenvolveranse ata o venres. Así, se realizarán sesións orais cos alumnos de centros educativos de Pontevedra con narracións especialmente dirixidas a un público infantil nas que se relaciona a presenza de García Lorca cos fondos do Museo de Pontevedra.
Tres visitas a Pontevedra
Dende a Deputación Provincial precisaron que toda a programación da Semana Lorquiana está a cargo da empresa cultural Polo Correo do Vento. Deste xeito, as actividades teñen como obxectivo afondar na relación de Federico García Lorca con Galicia, unha relación que o levou a se definir como «poeta galego» e escribir na nosa lingua os seus Seis poemas galegos.
Está documentando que o poeta e dramaturgo granadino visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932 e en ambas pasou por Pontevedra. A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca, mentres que a segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións, engadiron ao respecto. Na cidade do Lérez «escribiu un fermoso soneto iniciado co verso ‘Yo sé que mi perfil será tranquilo’, que viu a luz publicado no número 6 de Cristal».