O coñecemento, a creación e o progreso, bases do Ateneo pola Igualdade da Deputación de Pontevedra
PONTEVEDRA
Esta iniciativa programou accións en centros educativos, concellos e na prisión da Lama
19 nov 2024 . Actualizado a las 14:53 h.Coa posta en escena este mércores do espectáculo A Familia Bolechas en igualdade no Príncipe Felipe, a Deputación de Pontevedra arrancará a programación do seu novo programa Ateneo pola Igualdade, iniciativa que busca situar á administración provincial como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. En palabras da deputada de Igualdade, Sandra Bastos, será «un recurso público especializado que poñemos á disposición de toda a cidadanía da provincia, baseado na investigación e na divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero».
Trátase dun programa itinerante, que se espallará por toda a xeografía provincial, cuxa programación basease en tres alicerces: o coñecemento, a creación e o progreso. Deste xeito, as actividades divídense en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en cuestións como a coeducación ou a corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).
E todo isto invitando a fomentar a reflexión arredor da igualdade, «incentivando a realización de estudos que detecten as eivas que impiden a consecución da igualdade co obxectivo de reducir a fenda de xénero e de detectar e prever as formas de violencia machista», engadiu Sandra Bastos, que se mostrou convencida de que «imos coñecer a situación das mulleres e dos homes nos diferentes ámbitos, crear contidos con perspectiva de xénero e progresar na consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes».
A programación
Despois do inicio no Príncipe Felipe de Pontevedra, o Ateneo pola Igualdade continuará o seu camiño este venres en Ponteareas coa representación teatral As formas do amor, de Verdeveras Expresións Artísticas, que repetirá en decembro en Redondela. Pola súa banda, o 26 de novembro desenvolverase na Escola de Enfermaría un obradoiro de sensibilización, a cargo de Priscila Retamozo e dirixido ao alumnado do primeiro curso.
Ademais, recalará no Centro Penitenciario da Lama, onde se desenvolverá unha acción na biblioteca do centro, con Carmen Quinteiro e Begoña Paz, e a humanización do patio do módulo de mulleres cun mural colaborativo entre as internas e unha artista da contorna.
Xunto coas actividades programadas, a Deputación conta cun catálogo de actividades en convocatoria aberta para a comunidade educativa e os concellos. Por unha banda, o espectáculo da Familia Bolechas, que se ofrecerá ás aulas de Primaria, mentres que para Educación Secundaria, Bacharelato e FP elaborouse un plan de formación con seis accións sobre as temáticas vinculadas a influencers e gamers; creación de contidos de igualdade en redes sociais; educación sexo-afectiva; á representación das mulleres nos medios de masas; un trivial de educación sexual; e unha charla para combater os argumentos machistas e negacionistas.
De igual modo, os centros de ensino tamén terán á súa disposición os materiais das campañas contra agresións sexuais da Deputación, ao igual que os concellos, aos que tamén se lles ofrecerá un punto violeta.
«Co Ateneo pola Igualdade amosamos unha vez máis o compromiso absoluto desta Deputación coa igualdade, obxectivo prioritario do goberno provincial. De feito, hai unhas semanas que o noso presidente anunciou un incremento do 2 % no orzamento destinado ao servizo de Igualdade en 2025», remarcou Sandra Bastos.