Fina Casalderrey, Antón Reixa ou Chévere asinarán libros no Culturgal da man de Kalandraka
PONTEVEDRA
Sendo como é a Feira das Culturas Galegas, a editorial pontevedresa Kalandraka non podía faltar á cita. E o fai acudindo ao Recinto Feiral de Pontevedra cun completo abano de actividades que arrancan o mesmo día da inauguración do Culturgal. Así, o mesmo venres e a partires das 18 horas, Fina Casalderrey e Xose Cobas, escritora e ilustrador, presentarán a nova edición de Filla das ondas no Escenario B, acto no que os autores estarán acompañados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Posteriormente, ás 18.45 horas, Casalderrey e Cobas asinarán exemplares no stand de Kalandraka.
Xa o sábado, e de novo no Escenario B dende as 13 horas, Tereixa Constenla, autora de Abril é un país, conversará sobre esta obra co xornalista Ramón Rozas para posteriormente, en torno ás 13.45 horas, asinar exemplares no posto de Kalandraka. O certo é que, ao longo de toda esta xornadas, están previsto que distintos autores sigan o mesmo exemplo que Tereixa Constenla: Lucía Cobo (12.30 h.), Maribel Longueira (13 h), Paco Nogueiras e Marc Taeger (18 h.), Antonio García Teijeiro (18.30 h.) ou Rosalía Fernández Rial (19 h.).
Pola súa banda, o 1 de decembro, xornada de clausura do Culturgal, Antón Reixa levará a cabo un recital poético baseado na súa obra Enciclopedia da Perplexidade no Escenario B dende as 18 horas. Ao seu termino, recalará no stand da editorial pontevedresa para manter un encontro cos lectores e asinar exemplares, de igual xeito que, dende as 19 horas, estará o Grupo Chévere co seu libro que recolle os seus «35 anos de axitación cultural». Previamente, ás 13 horas, Ramón Trigo asinará libros de Labirinto e de O pirata pata de lata.