Este sábado, a partires das 12 horas, bota a andar o ciclo musical Sons de Outono coa actuación de Froján na praza da Peregrina de Pontevedra. «Froján é poesía autodestructiva en equilibrio coa forza do rock alternativo. Unha banda nova con ganas de facer sentir aos seus oíntes as historias de vida que albergan as súas cancións», destacaron dende o Concello. Acaban de publicar o seu segundo disco, Reflexos.
Da man do Seminario Permanente de Jazz, polo que «pasaron e están a pasar grandes músicos», en palabras do concelleiro Demetrio Gómez, este ciclo busca «achegar a música as rúas, dinamizar a cidade e sorprender a quen camiña pola rúa e atopa un concerto. Comezou baixo o nome de Outono de Jazz mais mudamos a Sons de Outono para dar cabida a outras músicas. Xa que aínda que o Jazz será o protagonista, contaremos co rock do grupo Froján, que vai subir os decibelios», engadiu Luis Carballo, do Seminario Permanente de Jazz.