Adrián Canoura, director de «Fomos ficando sós»: «Non me quería quedar con esa espiña de non poder ir ao mar aínda que buscara a escusa de facer unha película»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Integrante do xurado internacional de Novos Cinemas, presentou na sección Encontros a súa opera prima

14 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A sección Encontros de Novos Cinemas foi o espazo elixido esta semana polo burelense Adrián Canoura para presentar un primeiro avance da súa opera prima, Fomos ficando sós. «Estamos contentos de poder amosar as primeiras imaxes e seguir traballando, que estamos neste momento como na fase de montaxe do filme», explicou quen forma parte do xurado internacional e a quen a organización de Novos Cinemas define como un «creador que explora a hibridación entre o documental e a ficción».

—Que é o máis complexo de sacar adiante unha primeira película?

—O máis complexo é ter as ferramentas, o amplo abano de ferramentas que se poden necesitar... O máis complexo é a historia, ter o pouso da historia, que sexa algo atractivo e con identidade para contar algo, neste caso, de forma persoal. E despois, as capas de produción vanse engadindo e, dalgunha forma, vanse formando organicamente a medida que empezas a traballar co equipo e coa produción.

—Que supón para un cineasta emerxente dispor de esta plataforma que é o festival Novos Cinemas?

—Teño que dicir que xusto onte —polo mércores pasado— estaba pensando que me encanta vir a este festival. Paréceme moi fresco porque case que todas as películas que se proxectan son os primeiros filmes dos directores e directoras. Ves algo moi fresco, moi intuitivo, moi visceral que supoño que a medida que vas producindo máis películas vas amansando. É guai vir aquí, mais na época de pre-Nadal, inverno, meterse na sala de cine, que a de aquí é espectacular, e ver estas pelis tan frescas, propostas fóra dun circuíto máis convencional. A min, encantame Novos Cinemas e todas as propostas colaterais.

Ramón Leiro

—Poderíase afirmar que os cineastas galegos teñen unha visión diferente ao do resto do Estado?

—Bueno, é porque somos diferentes en Galicia, xa é unha cousa máis histórica. Pero si, deuse a condición de que ultimamente pelis galegas triunfaron fóra da nosa comunidade e iso alenta a que historias que, nun principio, puideran parecer que non terían percorrido ou non podían ter interese fóra, a medida que se foron abrindo estas portas a festivais de fóra e recoñecementos, premios de tantos artistas galegos, ves que somos capaces e entón a xente animase a tirar para adiante dándolle valor ao que cremos que si é posible. Esas portas que se abriron hai uns anos axudaron a ser máis concienzudos, ter máis forza a levar as pelis adiante.

—No caso de «Fomos ficando sós», explora, entre outras cuestións, as relacións paterno-finais, como se traballou isto?

—Empeza porque eu descubro estas cintas que estaban encaixonadas no faiado da casa, non era unha cousa da que o meu pai nos falara dela habitualmente, nin eu tiña noticia de velas... igual de pequeno poida ser que as vin, pero non as tiña moi presentes como recordo. Xuntouse iso co feito do que eu estaba facendo a nivel de audiovisual, estudar cine e tal, entón xa lle vin potencial a iso, a poder armar unha historia e, a raíz de que se foron descubrindo estas cintas e poder gravar, xa se empezou a arborar a historia de poder construír algo persoal co meu pai, de visitar a súa casa, de ver toda esta relación medio ausente pola súa condición de mariñeiro, de estar fóra da casa sempre, algo a explorar que me parecía interesante. Pero tamén necesario para revisar un pouco a fenda familiar. Practicamente toda a miña familia é mariñeira e eu como que rompín un pouco a esa xeración. Non me quería quedar con esa espiña de non poder ir ao mar aínda que buscara a escusa de facer unha película e non lanzar anzuelos.