José Manuel Rosendo, enfermeiro: «A intelixencia artificial pode aportar moito no tratamento óptimo da ferida crónica»
PONTEVEDRA
O supervisor de procesos e coidados de enfermería do CHOP pontevedrés explica como funciona a ferramenta premiada en Brasil
16 dic 2024 . Actualizado a las 16:37 h.O enfermeiro José Manuel Rosendo Fernández (Vilaboa, 1970), supervisor de procesos e coidados de enfermería do CHOP, é unha referencia para falar de feridas, en especial, das complexas e crónicas que afectan á xente maior. Fala tamén do segundo premio que recibiu o hospital no Congreso Iberoamericano de Feridas Sobenfee 2024 polo proxecto Advance Cutaneus Evaluator (ACE), que fusiona experiencia clínica con tecnoloxías avanzadas de intelixencia artificial (IA).
—Como investigador principal e cabeza visible, ¿que supón o premio de Brasil?
—Para nós é moi importante desde o punto de vista do recoñecemento internacional. Este proxecto en España coñéceo practicamente todo o mundo. Agora estamos liderando tamén un proxecto europeo no que eu son o investigador principal, creado con varios países, Polonia, República Checa, Italia e Finlandia. Para nós este recoñecemento é un pulo moi grande. Esta ferramenta que estamos deseñando e o uso da intelixencia artificial neste momento é fundamental para o tratamento das doenzas dos pacientes en xeral. Nós aplicámolo directamente sobre as feridas.
—¿En que fase está este proxecto das feridas premiado?
—Este está en fase clínica. Aínda non se pode utilizar a ferramenta porque a Axencia Española do Medicamento ten que dar autorización. Para iso ten que haber un ensaio clínico e nós estamos nesa fase. Temos que avaliar os resultados, non están verificados, pero os resultados previos son moi bos, estamos no 95-99 % nalgún tipo de tecidos de feridas. É unha porcentaxe moi alta.
—¿Que vantaxes terá para o profesional o seu uso?
—Esta ferramenta está deseñada para aquel profesional novel que acaba de saír da carreira, da súa especialización e entra no posgrao e no mundo hospitalario e non está moi especializado no tratamento de ferida complexa ou crónica. E tamén para aquel profesional que leva tempo, está xa avezado, pero que polo seu destino está nun servizo central e nunca veu unha ferida crónica.
—¿Como funciona?
—Funciona en catro pasos. O primeiro é tomar unha imaxe ou unha foto da ferida. O segundo é, unha vez que está analizada esa ferida, detecta os tecidos nela. No terceiro hai uns datos subxectivos que a IA non vai detectar de momento que é a cantidade de exudado. Para iso teriamos que ter uns apósitos intelixentes ou algo que medira os fluídos ou o exudado da ferida, a infección tampouco. Eses datos clínicos vainos ter que aportar o profesional sanitario. E por último, o cuarto paso, é que lle dá unhas alternativas de tratamento dentro do que sería o catálogo de produtos para cura do Sergas. Hai moitas posibles combinacións e iso é o que lle vai a facilitar ao profesional experto ou novel este tratamento. Dálle a compatibilidade en porcentaxe dese tipo de tecido. Nalgúns casos haberá ata cinco ou seis liñas de tratamento e o profesional terá que ser o que decida a que vai aplicar sobre o paciente.
—Fala de feridas crónicas. ¿Cales son?
—Hai que falar do contexto no que estamos hoxe en día. De poboacións de idade avanzada, idadosos, que realmente son persoas fráxiles desde o punto de vista da pel, que tamén envellece o seu sistema e iso pode levar aparellado un tipo de patoloxía crónica no doente. Feridas crónicas son úlceras venosas, úlceras por presión, úlceras de pé diabético... As feridas son complexas e non evolucionan ben. ¿Por que? Pola comorbilidade do paciente e a fraxilidade. Aí é onde esta ferramenta pode aportar moito no sentido de tratamento óptimo.
—Logo están as feridas agudas. ¿Que é o mellor para limpalas?
—Ese é outro contexto. Na ferida aguda pola propia fisioloxía da ferida vai curar. O proceso normal é de 7 a 15 días aproximadamente. No caso das cirúrxicas si se recomenda auga e xabón, e poñer un antiséptico tópico. O problema destas feridas é que no caso dos pacientes de idade esa comorbilidade se complica. O proceso fisiolóxico non vai pechar en 7 o 15 días, vaise cronificar e aí xa serían necesarios outro tipo de produtos.
—¿Tapalas ou non tapalas? Que é outra dúbida habitual.
—Tapalas vai a depender da túa actividade. Se estás nunha actividade na que os contaminantes, as bacterias e os xermes, poidan penetrar na ferida, hai que tapalas sempre. Nas mans, en zonas visibles. En zonas tapadas que non están expostas non é necesario.
—No casos dos ciclistas tápanse.
—Eles xeralmente esa zona lévana exposta ao aire, esa zona pódese contaminar. Hai suoración e hai que tapala porque son deportistas de alto nivel.
«A pel está infravalorada, non só serve de envoltorio»
José Manuel Rosendo foi celador antes que enfermeiro. Fala tamén da necesidade na actualización dos coidados e de que a pel é moitas veces a gran esquecida.
—No 2017 facían talleres sobre úlceras por presión enfocadas ao coidador. ¿Séguense facendo?
—Empezamos agora un primeiro taller para enfermeiras, para profesionais sanitarios, no centro de saúde Virxe Peregrina. Imos facelo tamén na Parda e nas residencias sociosanitarias, que teñen pacientes dependentes. Facémolo cada dous ou tres anos porque hai que refrescar xa que os cadros cambian. É un recordatorio que nos ven ben a todos. Nas residencias é importante pola presión, a inmobilidade, a falta de sensibilidade que conlevan as enfermidades dexenerativas coma a demencia ou o alzhéimer.
—A pel hai que coidala sempre, de mozos e de maiores, máis, e hidratarse por fóra e por dentro. ¿É a pel a gran esquecida?
—A pel está infravalorada. Parece un órgano que está aí posto e que non ten ningunha actividade, só que nos serve de envoltorio, pero ten moito máis significado que iso. A pel é a forma de relacionarnos cos demais, de tocarnos, de recibir as sensacións térmicas do exterior, de calor, frío... Ten unha función de transpiración, é un órgano que pesa aproximadamente entre catro ou cinco quilos, case o órgano máis grande do corpo, e ten unha superficie de dous ou tres metros cadrados dependendo da persoa. Está infravalorada como órgano do sistema humano. Se nos din que estamos mal do corazón, imos ao cardiólogo. Facemos máis caso que se nos din, hidrátate, ten un bo coidado de pel, non te expoñas ao sol sen un bo protector. E sobre todo, hidrátate tamén por dentro.
—Chega o frío. ¿Que facer coa pel?
—Hai zonas corporais que van sufrir moito co frío, as mans, a cara, a zona dos labios. Todo o que estea ao descuberto vai estar nunha situación de vulnerabilidade. Temos que poñer moito máis fincapé en hidratar esas zonas con protectores para os labios e as mans, para que non escamen. Iso é falta de hidratación.