«Alexandre Bóveda estaba condenado a morte antes de estar diante do tribunal»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

A Deputación de Pontevedra rende o sábado homenaxe a Alexandre Bóveda e Xosé Fortes

20 dic 2024 . Actualizado a las 17:22 h.

«Teño a esperanza de que cando morra o ei de atopar. Cando eu morra ei de atopalo e darlle un bo abrazo e un bo bico, e moitos máis porque non puiden en toda a vida darlle nada». Amalia Bóveda perdoa, pero non esquece, como deixou claro na presentación das xornadas Recuperando o pasado para construír o futuro que se desenvolverán este sábado no Edificio Castelao.

Amalia naceu apenas uns meses despois de que o seu pai fora asasinado na Caeira tras un xuízo que recentemente o Goberno considerou inxusto, como tamén o estimou así no caso de Xosé Fortes. Ambos aludiron ao recente acto celebrado en Madrid onde lles entregaron os certificados, en palabras de Amalia, «da anulación simbólica do xuízo do meu pai. Non queríamos isto, queríamos a anulación xurídica total e absoluta dicindo que o xuízo foi un xuízo mal feito e que xa estaba condenado a morte antes de estar diante do tribunal».

«Satisfeito» foi, pola súa banda, a expresión que empregou Fortes para aludir a este acto de reparación democrática. «O meu consello de guerra non me pedía máis que seis anos, quero dicir, non me pedían pena de morte como a Bóveda. Pero a sentenza estaba predeterminada e prohibíronnos ter letrados civís», acotou.

Botando a vista atrás, está convencido de que o gran erro daquel xuízo foi precisamente nos permitirlles ter avogados civís. «Non houbera significado máis que escoitalos durante unha hora porque a sentenza sería a mesma, pero non teríamos nós a protesta de que foi un xuízo sen defensa», engadiu sinalando que vivimos nun tempo «de bulerías, bulerías de bulos, non das outras».

ADRIÁN BAÚLDE

«Que podo dicir eu que nin sequera puiden coñecer ao meu pai?», reflexionou Amalia Bóveda, quen de nena era «pouquiña cousa. Claro, que se podía esperar despois dunha morte tan violenta e tan mala. Con coidados saín adiante. Fun unha porquería de pequena, pero despois debeu de ser o aceite de fígado de bacallau que me deron as monxas en Madrid, que me obrigaban a tomalo todos os días, que fun saíndo adiante e aquí estou, que dentro duns días vou cumprir 88 anos».

O recordo do seu pai asasinado está presente sempre, unha ausencia palpable nas súas verbas e que ten intención de denunciar ata que lle queden forzas. E sen facer caso desas voces que lle din que xa está ben de falar de Alexandre Bóveda, «pois penso que aínda falta moito por falar de Bóveda, sobre todo en Galicia, porque é unha pena que teña que ser o Goberno central o que faga o nomeamento este de meu pai», remarcou recordando que pola Xunta pasaron xa partidos de todas as cores.

Unha foto simbólica

Amalia atesoura unha foto do que puido ser e non foi e que exemplifica o drama do franquismo. A imaxe foi tomada por unha amiga súa cando paseaba polo entorno da praza de San Xosé, en Pontevedra, onde se ubica o conxunto escultórico de A Tertulia. Alí, xunto a Valentín Paz-Andrade, Ramón Cabanillas, Carlos Casares, Manuel Quiroga e Alfonso R. Castelao, permanece sentado nunha cadeira Alexandre Bóveda. «Díxenlle: ‘Xa que levas unha máquina, faime unha foto que voume sentar no colo do meu pai’. E alí teño unha foto, teño unha foto sentada no colo do meu pai e síntome orgullosa».

ADRIÁN BAÚLDE

As xornadas deste sábado están impulsadas pola Deputación de Pontevedra, cuxo vicepresidente Rafa Domínguez remarcou que estaba acompañado por dúas persoas, «un familiar de Bóveda, o único crime de Bóveda foi amar a Galicia e por iso foi asasinado (...), e que podo decir de Xosé Fortes, que foi un demócrata adiantado o seu tempo cando ser demócrata era castigado cunha pena de cadea. Son dúas persoas que teñen un factor en común, sufriron a inxustiza, un o pagou coa súa vida e outro coa incomprensión», remarcou.

Foi o fillo de Amalia, Valentín García Bóveda, quen desglosou unha programación na que, tras a inauguración oficial, proxectarase o documental Crónicas de Galicia mártir: Alexandre Bóveda, de Xan Leira, que dará paso a un coloquio. Rematará cunha mesa con Amalia, Fortes e Ernesto Vázquez-Rey e moderada polo propio Valentín García, quen precisou que a mesma abordará tres cuestións. Por unha banda, «dende a perspectiva simbólica, a importancia dun documento e dunha Lei de Memoria Democrática», por outra, «dende a perspectiva xurídica, que é esta lei» e, xa por último, polo feito de que o documento de reparación democrática «establece unha dicotomía xurídica e confusión» porque non se anulan os xuízos dado que «o poder executivo non poda anular sentenzas, pode anulalas simbolicamente».