Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un libro afonda no legado do compositor Marcial de Adalid conservado na Real Academia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAG

A publicación, obra de Laura Touriñán, presentarase este xoves no Museo de Pontevedra

30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega é o título do libro co que a musicóloga Laura Touriñán Morandeira afonda na figura deste «compositor, pioneiro na incorporación á música académica da lingua galega e das nosas melodías populares, e un dos creadores máis relevantes da escena peninsular do seu tempo», destacaron dende a Real Academia Galega. Trátase polo tanto, dun «achegamento a unha das grandes figuras da música galega do século XIX», precisaron, pola súa banda, dende o Museo de Pontevedra.

A presentación desta publicación terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, a partires das 19 horas, estando amenizado por Alejo Amoedo ao piano, quen interpretará pezas do propio Marcial del Adalid. No transcurso da mesma, a investigadora estará acompañada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e o musicólogo e académico correspondente Fernando López-Acuña.

RAG

Nado na Coruña, Marcial del Adalid (1826-1881) é autor de preto de trescentos títulos coñecidos, de feito que a práctica totalidade das súas composicións consérvase na Real Academia Galega. Esta entidad «custodia dende 1928 un conxunto bibliográfico e arquivístico do músico que fan dela a institución de referencia para os estudos sobre o autor», de tal xeito que «facilita o acceso a este rico fondo na páxina marcialdeladalid.academia.gal, unha web na que tamén se poden descargar outros contidos relacionados co compositor, entre eles Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega, publicado na colección Anexos BRAG».

Del Adalid formouse en Londres e «foi partícipe da actividade artística de París. A súa prolífica produción compositiva, especialmente para piano, enmárcase dentro do Romanticismo centroeuropeo, actualizado coas tendencias da época», acotaron dende o Museo, ao tempo que lamentaron que, «a pesar da popularidade da época, en moitos aspectos segue sendo un gran descoñecido».