Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pontevedra acollerá a entrega dos premios de literatura infantil e xuvenil máis importantes de España

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O fallo e entrega dos Premios Lazarillo coñecerase o 2 de abril no marco do Salón do Libro da cidade do Lérez

25 feb 2025 . Actualizado a las 16:20 h.

O vindeiro 2 de abril, Pontevedra acollerá o fallo e entrega dos Premios Lazarillo, «que probablemente son os premios máis importantes que se entregan no Estado na literatura infantil e xuvenil», remarcou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. Precisou que estes galardóns se entregan dende 1958, na meirande parte dos casos, en Madrid ou, en menor medida, Barcelona. «Sempre estiveron dentro dese circuíto das grandes editoriais Madrid-Barcelona e por primeira vez saen dese circuíto para vir a Pontevedra», engadiu.

A cerimonia de entrega realizarase no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. «Entendemos que GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) propuxo que estes premios se fixesen en Pontevedra porque, realmente, aquí encontramos un tecido, un ecosistema importantísimo que potencia a literatura infantil e xuvenil. Hai autoras e hai autores, hai editoriais, temos un Salón do Libro que neste momento é o máis antigo de todo o Estado, o que máis tempo leva celebrándose de todo o Estado, temos moitísimos lectores e lectoras que fan que Pontevedra sexa, como vos dicía, unha auténtica potencia na literatura infantil e xuvenil», incidiu Demetrio Gómez.

Con esta idea como trasfondo, o Concello de Pontevedra buscará que a entrega dos premios «sexa unha presentación en sociedade desa potencia da literatura infantil e xuvenil que é Pontevedra e desa potencia creativa de Pontevedra cun acto protagonizado, como non podía ser doutra maneira, por nenos e nenas da nosa cidade».

Na súa comparecencia, Demetrio Gómez precisou que os Premios Lazarillo entréganse en dúas categorías, creación literaria e álbum ilustrado, ámbitos nos que Galicia «ten demostrado máis que sobradamente a súa potencia, porque (...) dende que o gañase Agustín Fernández Paz en 1990, Galicia leva recibidas once veces este galardón, o que fai practicamente un terzo, un 33% de todos os que se entregaron dende ese ano», remarcou Demetrio Gómez apuntando o feito de que Ledicia Costas o gañou en tres ocasións.

Pola súa banda, David Cortizo, vicepresidente de GÁLIX, coincidiu en reseñar que a OEPLI, a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil, «decidiu que quería saír do circuíto Madrid-Barcelona». «Tiveron unha reunión, decidiron que había que saír do circuíto para potenciar un pouco o acto de entrega do premio e o propio premio para que tivera máis difusión no resto do Estado. E Mercedes Pacheco, que é a secretaría técnica de GÁLIX, pediu que se facía así, que a primeira cidade non podía ser outra que Pontevedra», unha proposta que finalmente foi apoiada por unanimidade polas outras tres seccións da OEPLI -a española Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, a catalana Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil (CLIJCAT) e a vasca, Galtzagorri Elkartea-.

Nesta edición por unanimidade tivo especial peso o feito de Fina Casalderrey fose de Pontevedra, a pesares de que, curiosamente, nunca gañou o Premio Lazarillo. «Non houbo ningunha dúbida, foi decidido por unanimidade», subliñou Cortizo precisando que o mesmo 2 de abril se conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

David Cortizo quixo recordar aos escritores galegos recoñecidos con estes premios como autores dunha obra orixina en lingua galega, un listado que inaugurou Agustín Fernández Paz en 1990, mentres que, nove anos máis tarde Marilar Aleixandre con A banda sen futuro «inicia unha racha de tres gañadoras seguidas» con Gloria Sánchez e Ana María Fernández Martínez co poemario Amar e outros verbos. No 2004 foi Xosé Antonio Neira Cruz con A noite da raíña Berenguela para seguir con Marcos S. Calveiro, no 2009.

Pola súa banda, María Solar no 2014 comeza «unha racha espectacular porque despois gañaron case de seguido Ledicia Costas», en dúas ocasións, e Andrea Maceiras, para rematar no 2021, de novo, con Ledicia Costas e a súa obra A lebre mecánica.

Tras indicar que o Premio Lazario «é o premio máis veterano do Estado español», Cortizo puxo o acento no feito de que, dende o 2014, «maioritariamente as gañadoras foron en lingua galega».