Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Malabares ata cando?», a pregunta eixo da programación da Deputación de Pontevedra cara o 8M

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

A Administración provincial desenvolverá unha vintena de accións durante as vindeiras semanas

28 feb 2025 . Actualizado a las 09:51 h.

Baixo o lema de Malabares ata cando?, a Deputación de Pontevedra fará súas este 8M «ás reivindicacións que se propoñen desde os organismos internacionais para facer público o noso compromiso coa igualdade de xénero». «Ata cando malabares para compaxinar as distintas facetas das nosas vidas, para escoller cal priorizar? Ata cando renunciar aos nosos intereses e ser xulgadas como malas nais se apostamos polas nosas carreiras?», preguntouse a deputada provincial Sandra Bastos antes de desglosar unha programación dunha vintena de accións que converten a igualdade no «eixo central da nosa acción política e na nosa folla de ruta».

A ilustradora Alba Troiteiro, encargada da imaxe da campaña, dirixirá unha acción de arte mural e un obradoiro de hula hoop coas internas da prisión da Lama. A propia Troiteiro explicou que o obradoiro busca «ter un contacto co noso propio corpo, experimentalo dende diferentes lugares e logo cambiar o concepto que ten o hula hoop como un elemento de construción de xénero».

A ilustradora Alba Troiteiro
A ilustradora Alba Troiteiro LÓPEZ PENIDE

No marco desta programación, dende este xoves e ata o 10 de marzo, as sedes de Pontevedra e Vigo iluminaranse de violeta, mentres que este 28 de febreiro se procederá á lectura dunha declaración institucional no pleno a favor do Día Internacional das Mulleres. Posteriormente, o acto central terá lugar o 7 de marzo coa lectura, tamén, dun manifesto polo Club Poio Fútbol Sala e repartiranse materiais de sensibilización entre os asistentes.

Ese mesmo día está previsto que se publiquen as bases da segunda edición do concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?, que recoñece a reflexión entre a rapazada con traballos en formatos como banda deseñada, canción, podcast ou videopoesía.

ADRIÁN BAÚLDE

En marzo, de igual modo, presentaranse os novos materiais da campaña provincial contra as agresións sexuais, que xa están dispoñibles estes días no punto violeta da Festa da Arribada de Baiona. Nesta localidade, a partires do 7 de marzo, poderase visitar a mostra As achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, inauguración que se completará cun obradoiro de Tamara Amorín, profesora da Universidade de Vigo, na Praza de Abastos.

En colaboración coa UNED, o 11 de marzo arranca o curso avanzado de Xestión en Igualdade e Diversidade: Inclusión e Equidade para un entorno laboral máis xusto, que durará ata o 14 de maio. Pola súa banda, o 14 e 15 de marzo, terá lugar no Teatro Principal unha nova edición do foro As mulleres que opinan son perigosas, que se acompañará da convocatoria dos premios ás mulleres que exercen o xornalismo e o xénero de opinión.

ADRIÁN BAÚLDE

Novo proxecto

Previamente, o 13 presentarase un novo proxecto, Mulleres de palabra(s), que se suma aos obradoiros en centros educativos do programa Ateneo pola Igualdade.

Na súa comparecencia, Sandra Bastos anunciou a posta en marcha dunha nova antoloxía de podcasts Aquí faltan páxinas, proxecto que opta ao Premio Ondas Globais do Podcast, mentres que a programación de Malabares ata cando? pecharase o 25 de marzo coa Gala Cirqueiras en Mos.