Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Adeus a José María, o home bo de Campañó ao que ata as abellas querían

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

José María Domínguez, hai xa uns anos, cun dos seus fillos, na festa dos Maios.
José María Domínguez, hai xa uns anos, cun dos seus fillos, na festa dos Maios. MONICA FERREIROS

Funcionario de Deputación e presidente dos comuneiros na súa parroquia de Pontevedra devoto dos seus fillos e netos, faleceu só 65 anos de idade

11 mar 2025 . Actualizado a las 19:17 h.

Marchou José María Domínguez neste marzo chuvioso, nun día desagradable que representa todo o contrario do que el era: home calmo, gran conversador, persoa amable e un raio de luz para quen se cruzaba no seu camiño. José María marcha cedo, con 65 anos de idade, pero non por iso deixa atrás un legado pequeno. O máis importante, unha familia da que el estaba profundamente namorado. Presumía de fillos e de netos, aos que levaba nas fotos do móbil con todo o agarimo do mundo.

Pero José María tamén deixa pegada máis aló da súa familia. Foi, sobre todo e ante todo, un hombre comprometido coa sociedade e co seu tempo. Tamén un apicultor entusiasta que tiña tanto amor pola natureza que ata as propias abellas eran quen de querelo. «Os zánganos non son nugallás, como a xente pensa, traballan moito», dicía ao pé das colmeas e parecía que facía poesía cos mesmos insectos. 

José María era funcionario da Deputación. Levaba tantos anos na Administración Provincial e era tan bo contador de historias que con el podíase falar durante tempo e tempo de cousas incribles que pasaran no Pazo, como cando a alguén se lle ocorreu, alá polos anos ochenta, que era boa idea meter en nómina a dous cans que lle axudaran aos vixiantes da Deputación a facer o seu traballo. A cousa non saíu ben e os animais acabaron vivindo no soto do edificio público sen moito que facer, tal e como recordaba Xosé María, que lle poñía retranca ao conto e moitas doses de agarimo. 

José María Domínguez, cun dos seus inventos para frear á velutina.
José María Domínguez, cun dos seus inventos para frear á velutina. MARIA HERMIDA

Ese mesmo cariño llo poñía tamén a todo o que facía polo seu entorno. José María presidía a comunidade de montes de Campañó porque era un entusiasta do monte, das árbores... da natureza. Era tamén apicultor e un loitador tremendo contra a vespa velutina, ata a que incluso lle acabou collendo cariño, porque non era el home de odiar. Foi pioneiro en loitar contra esta especie invasora e do seu maxín saíron numerosos inventos para tentar que a velutina non acabase coas súas abelliñas, ás que tanto quería. Amosaba a quen llo pedise as colmeas ou mostraba todos os camiños de sendeirismo que ten Campañó. Gústaballe ben divulgar sobre o seu entorno e axudar a quen llo pedira. No seu diccionario non entraba dicir non case nunca.  

A vida parouse para José María demasiado cedo, aos 65 anos e tras sufrir unha dura enfermidade. Marcha un home bo ao que se lle dará o adeus no sitio ao que máis amaba, na súa parroquia de Campañó.