Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Salón do Libro, máis de trescentas actividades en apenas dezaseis días

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

«Este ano o Salón vai sobre o cine!», resaltou o alcalde Fernández Lores

22 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co cinema como telón de fondo e leit motiv da edición deste ano, a número vinte e seis, este venres arrancou a súa andaina no Pazo da Cultura de Pontevedra o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Por diante, dezaseis días nos que se desenvolverán máis de trescentas actividades para toda clase de públicos, tamén adulto.

O pistoletazo de saída desta edición veu da man do espectáculo Luces, cámara, acción... que vén o Salón! Baixo a dirección de Manuel Albariñas, os asistentes puideron gozar con Xingro’s Bing Band, o Coro do IES Xunqueira 1, V de Minúscula (Noela Hermida e Gabriel Bravo), Ares Caínzos, o IES Illa de Ons, ESDEMGA e Mara Iglesias. Esta cita reflectiu a aposta da organización por acadar Salón do Libro máis accesible e inclusivo, de tal feito que estivo signado por AZ Lingua de Signos.

Esta medida implementarase, de igual modo, na clausura, ao tempo que se habilitarán novos espazos destinados a persoas en cadeiras de rodas e acompañantes. «Teremos tamén auriculares para redución de ruído para as persoas que os precisen e haberá un espazo tranquilo e un espazo de lactancia no primeiro andar. Mantemos a colaboración con entidades que nos visitan cada ano como BATA, Down Pontevedra, Amencer?Aspace, BATA, TDAH Salnés, Xoan XXIII e todas as entidades que permiten que o Salón chegue as persoas máis diversas e con necesidades», destacara o concelleiro Demetrio Gómez no seu día.

«O Salón é unha cita agardada e desexada no calendario cultural infantil e xuvenil da cidade», destacou onte o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aludindo a que «o esforzo que fai o Concello para organizalo está sobradamente recompensado vendo como xeración tras xeración acompañades aos vosos fillos e fillas, sobriños e sobriñas, netos e netas a gozar del. Para min é un orgullo ver a vosa implicación tanto para gozar das actividades como para achegar propostas».

O rexedor remarcou o feito de que este ano «disfrazámonos de actores, de actrices, de directores de cinema... porque este ano o Salón vai sobre o cine!». Algo que xa quedou patente no mesmo espectáculo inaugural no que varios repartidores de comida a domicilio plantan un traballo precario para cumprir o seu soño de facer cinema e no que non faltaron as alusións aos Premios Feroz ou ao festival Novos Cinemas.

E todo rematado con Orbil presentando a súa curmá Marceline para dirixir esta película, un colofón que deu paso á tradicional apertura de portas do Salón protagonizada por ambas mascotas. Por su parte, este sábado o horario será de 11 a 14, e de 16.30 a 20 horas.