Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A karateca Ruth Lorenzo abre en Pontevedra os Faladoiros Feministas para abordar os estereotipos no mundo do deporte

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A Deputación e GCiencia, pola súa banda, programaron a última das mesas redondas do ciclo «Ciencia en feminino»

26 mar 2025 . Actualizado a las 09:52 h.

Con entrada libre ata completar cabida, o Teatro Principal acolle esta tarde (19 horas) a inauguración dos Faladoiros Feministas que impulsa a concellaría de Igualdade no marco da programación vencellada ao 8 de Marzo. Deste xeito, Ruth Lorenzo Couso será a encargada de abrir esta proposta abordando a «súa experiencia como karateka, dos estereotipos no mundo do deporte, dos atrancos que atopan as deportistas polo feito de ser mulleres, da sororidade das atletas...», precisaron dende o Concello de Pontevedra.

A intervención da actual número 1 do Ránking Nacional Absoluto da Real Federación Española de Karate en kumite sénior feminino de menos de 55 quilos e número 51 no Ránking Internacional da Word Karate Federation en kumite sénior de menos de 55 quilos, estará moderada pola redactora deportiva Lara Saéz.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, remarcou que os Faladoiros Feministas abordarán a consecución do principio de igualdade en distintos ámbitos, caso do mundo do Deporte, a Política e a Cultura, así como o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos. De igual xeito, animou á cidadanía a asistir a este encontro, toda vez que «paga a pena escoitar a Ruth, unha muller que loita non só no tatami, senón tamén na sociedade».

Esta proposta, que xira ao redor do lema O feminismo mellora o mundo, terá continuidade o vindeiro 1 de abril analizando o e a política coa participación das parlamentarias autonómicas Paloma Castro (PSOE), Olalla Rodil (BNG) e Raquel Arias (PP). E unha semana despois, tocaralle a quenda á cultura da man de Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras conformado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro. «Elas abriron fronteiras na lingua e amosaron que non hai fronteiras e o valor do patrimonio inmaterial gardado polas mulleres», destacou Anabel Gulías.

Teatro e mesa redonda

Dáse a casualidade de que o feminismo e as actividades derivadas do 8M terán continuidade este xoves (20 h.) na cita de marzo co Teatro Espontáneo. Así, «o primeiro andar do Mercado de Abastos converterase no escenario dunha experiencia que une liberdade, creatividade e convivencia e que, nesta ocasión servirá ademais para poñer o foco sobre o machismo», precisaron dende o Concello de Pontevedra.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra programou este mércores o últimos dos encontros do ciclo Ciencia en feminino, un ciclo de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que afondan na situación da muller na ciencia. Nesta ocasión, intervirán Yasmina Martínez Barciela, entomóloga e investigadora predoutoral, Marta Castiñeira, doutora e investigadora, e Paula Gutiérrez-Muñoz, investigadora do Instituto Español de Oceanografía do Centro Oceanográfico de Vigo, mentres que a xornalista Gloria Montenegro conducirá esta mesa redonda.