A reviravolta a Galicia en 157 días e 4.600 quilómetros

ANA F. CUBA ESTACA DE BARES / LA VOZ

BUEU

Manuel Vázquez, onte pola mañá na punta de Estaca de Bares, logo de percorrer case 13 quilómetros desde o Porto do Barqueiro
Manuel Vázquez, onte pola mañá na punta de Estaca de Bares, logo de percorrer case 13 quilómetros desde o Porto do Barqueiro I. F.

O santiagués Manuel Vázquez, veciño de Bueu, rematou onte en Estaca de Bares unha ruta de fins de semana polo perímetro da comunidade, que iniciou no 2011

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode parecer que non andou apurado se conta que percorreu uns 4.600 quilómetros ao longo dunha década, pero convén saber que o fixo en fins de semana dispoñibles e de bo tempo (case sempre), con algunha xornada de ata 54 quilómetros, coma de Padrón a Rianxo, ida e volta, igual ca todas as etapas que completou no que deu en chamar a reviravolta a Galicia. Manuel Vázquez Vázquez (Santiago, 72 anos), catedrático da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, vive en Bueu. E alí comezou todo, o 1 de maio de 2011. «Ocorréusenos á miña muller [Carmen] e máis a min ir andando polo borde litoral a unha praia próxima, a de Mourisca, dez quilómetros, para facer exercicio», recorda.

Ao domingo seguinte organizaron outra, de Mourisca aos areais de Lagos e Areas de Bon, pasando polo cabo Udra (13 quilómetros). E unha semana despois, desde alí ao porto de Aldán. «Descubrimos praias moi próximas nas que nunca estiveramos, como Reventóns, Francón ou Areacova. Foi cando me propuxen recorrer todo o borde litoral ata Cangas», conta. A primeira meta acadouna aquel mesmo ano. E no 2012, «coa boa experiencia tida», propúxose ir de Cangas a A Guarda, itinerario que despois ampliou a Tui. Aquel ano andou 375 quilómetros en 22 etapas.

E no 2013 pensou: «Por que non sigo a partir de Tui pola beira do Miño, camiñando despois ao longo da fronteira terrestre con Portugal? Serei capaz?». E se o conseguía, reflexionou, «podería incluso dar toda a volta a Galicia, facendo o recorrido en sentido contrario ás agullas do reloxo, e rematando no punto de partida, en Bueu». Ese foi o reto, e a finais de 2014 xa completara a fronteira co país veciño e parte do límite con Zamora, ata Villanueva de la Sierra. No 2015 decidiu alternar etapas de costa e de montaña, pola dureza destas últimas, e emprendeu a andaina de Bueu cara ao Norte, pola costa, no sentido das agullas do reloxo.

Así, nos seis anos seguintes da reviravolta a Galicia foi facendo tramos nun sentido e no contrario, partindo sempre do punto onde rematara o anterior. No 2021 pateou A Mariña luguesa, que non coñecía, desde A Pontenova, ata o Porto do Barqueiro, onde chegou o 29 de agosto. E pola outra beira, de Cariño a O Barqueiro (arriba, no pobo), onde recalou o 12 de setembro. Onte rematou a fazaña na punta de Estaca de Bares, cunha andaina de ida e volta, coma todas, o máis pegado ao mar posible, «evitando o asfalto [agás cando non había alternativa], por camiños de terra e carreiros, atravesando praias e rochas».

En realidade, Manuel non quere presumir de camiñante avezado, senón «animar a outras persoas a coñecer Galicia recorréndoa andando por lugares diferentes» das clásicas rutas xacobeas. Antes de emprender esta aventura en solitario (agás as etapas iniciais nas que o acompañou a súa muller, e algunha costeira coa súa filla, Inés), el xa andara os tramos galegos do Camiño Portugués, no 2004. E é que a vida de profesor tende ao sedentarismo, e Manuel quería aproveitar as fins de semana para exercitarse. Por iso se apuntou ao club de montañismo Pena Trevinca, porque camiñar a diario vendo as mesmas paisaxes resúltalle aburrido.

Pero algo ten de proeza, aínda que el non o pretendera, erguerse ás catro da mañá, coma onte (e como fixera, hora arriba hora abaixo, os outros 156 días de marcha), conducir durante varias horas (teno parado a Garda Civil nos controis de alcoholemia da madrugada, algún sábado) e camiñar vinte quilómetros (a media foi de 30, pero houbo días de máis de 50). «O sacrificio compénsase cos amenceres e os solpores, vendo a variedade de paisaxes que temos... En Galicia podes atopar de todo o que hai no mundo, cantís, praias, montaña...», subliña, marabillado.

O único que o alporizou foi ter que dar a volta logo de andar varios quilómetros, ao descubrir que a senda non tiña saída, picarse nas silvas e nos toxos, «igualiño que un xabaril», ou ter que bordear un río de noite porque non vía as rochas do atallo. O autor da reviravolta a Galicia pode dicir, sen risco de erro, que gozou «de cada etapa do camiño», e ese era o seu maior propósito.