Paco Nogueiras, autor das cancións de «Son animal»: «Vexo a súa ilustración e observo a miña canción»

BUEU

Ana Garcia

Este sábado, a partires das 12 horas, Paco Nogueiras e Marc Taeger visitarán o Centro Social do Mar de Bueu para presentar «Son animal»

22 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Á hora de abordar a xénese das cancións de Son animal, Paco Nogueiras sinala que «moitas veces as cousas suceden accidentalmente, pero si é verdade que andaba argallando facer unha serie de cancións para a rapazada que tivesen temática animal. Para min, os animais foron e son moi importantes porque, en certo modo, conforman o son dunha banda sonora dende que era pequeno. Críeme escoitando o galo pola mañá, escoitando o berrar das vacas, escoitando o ladrar do can. Fun un rapaz moi vinculado ao rural e, hoxe en día, hai moitos destes animais que curiosamente non os coñeces. Estou dándolles a oportunidade de gozar destes animais que teñen ao lado da casa. O único que fago es presentalos dun xeito, musical, dun xeito divertido e que todos nos poñamos a facer un pouquiño o animal, por así dicilo». Este sábado, a partires das 12 horas, Paco Nogueiras e Marc Taeger visitarán o Centro Social do Mar de Bueu para presentar este libro disco que acaba de publicar a editorial pontevedresa Kalandraka, nun acto que impulsa a Libraría Miranda.

—É unha cuestión identitaria?

—Inda que sexas un urbanita en Galicia é moi raro que non teñas unha certa vinculación co mundo rural, é case imposible. Hai una cuestión un pouco identitaria porque que sería dun galego sen un porco, sen unhas galiñas, sen unha vaca... Non estaríamos aquí moi probablemente. A nosa economía e o noso xeito de ser depende de todos estes animais. Déronnos o pasado, o presente e probablemente o futuro.

—Volve colaborar con Marc Taeger

—Si. Marc é un amigo, un compañeiro e unha persoa moi talentosa. Traballar con el é moi doado, basta que lle des unha canción e ten esa capacidade de plasmala en imaxes dun xeito marabilloso. Vexo a súa ilustración e estou vendo a miña canción. Facemos un binomio moi ben acaído.

Miguel souto

—Que imos atopar na presentación de Bueu?

—Pois, vaime acompañar Marc. Imos ter a oportunidade de facer unha presentación. Evidentemente, non vai ser o espectáculo ao completo. Imos ver como Paco Nogueiras vai cantar con ese animais e, ao mesmo tempo, Marc vai estar ilustrando ao vivo, en directo. Cada canción vai a ser unha ilustración, vai ser un debuxo. Vai ser unha presentación especial no sentido de que imos traballar moito os sentidos, non só as orellas, senón tamén os ollos.

—É tan exixente o público infantil como se di?

—É moi exixente, pero tamén é moi agradecido. É moi exixente porque os rapaces teñen a marabillosa virtude de non saber mentir. Se lles gusta unha canción, sabelo perfectamente porque ves a súa resposta, a súa reacción, a súa participación, pero se algo non lles gusta teñen a capacidade de automaticamente cambiar de chip, estar coa cabeza noutro lado ou, incluso, fisicamente noutro lado. Descartan completamente, non teñen a cuestión do saber estar, de facer esta valoración de compromiso. Polo tanto, si que é moi exixente no sentido de que tes que entregarte a tope, ao 100 %, cada vez que fas un traballo, xa non só en directo, senón, incluso, cando estás maquinando as posibles composicións porque son capaces de levarte ata o máis algo, pero tamén poden afundirte completamente, cousa que tamén me gusta. Isto fai que sempre esteas moi espabilado, moi en vilo, e é recoñecer que, como entregues algo que lles guste, eles son capaces de facer que o teu espectáculo sexa moito máis grande. Eu non cambio o público infantil polo adulto de momento.

—Como se presenta o verán?

—Moi ben. A verdade é que hai moita actividade, xa non só con Son animal, senón tamén cos outros espectáculos. Entre festivais, festas, programacións de concellos vai ser un verán con moito movemento, cousa que me alegra. O traballo no mundo da cultura sempre é necesario.