Cinco novos realizadores fórmanse na Illa de Ons na segunda Residencia FICBueu

Alfredo López Penide
L. Penide BUEU / LA VOZ

BUEU

FICBUEU

Ata o martes estará titorizados por Estíbaliz Urresola, guionista e directora da premiada 20.000 especies de abejas

16 oct 2024 . Actualizado a las 17:12 h.

Dende este mércores e ata o vindeiro martes, catro novas realizadoras e un realizador traballan na Illa de Ons (Bueu) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. Así, a guionista e directora da premiada 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións destes cinco futuros cineastas que presentaron catro proxectos de curtametraxes ao proceso de selección para participar na segunda Residencia FICBueu, que organiza o Festival Internacional de Cinema de Bueu.

FICBUEU

Se trata das realizadoras catalás Anna Calderón Dilmé e Anna Llargués, que participan con Cotorra e Àvia Peix, respectivamente; a galego-arxentina Camila Mailén, que traballa no desenvolvemento da curta Área Central; e Clara Coira e Miguel Casaseca, lucenses que presentaron a súa candidatura a esta residencia co proxecto From NASA to Merceditas.

Os proxectos

Este último proxecto é un falso documental que, segundo apuntan os seus impulsores, recrea unha situación «tan absurda como real» como pode ser «a historia de Merceditas, unha veciña da Terra Chá lucense que recibiu unha carta da NASA convidándoa á súa sede tras ser a única persoa do mundo que viu no ceo un determinado cometa». Pola súa banda, Cotorra permite a Anna Calderón retornar a unha unha vivencia da súa nenez: a do momento no que ten que afrontar o pasamento da súa amiga Alicia, polo que fala «da morte na infancia, do dó entre nenas, e do medo ao esquecemento».

FICBUEU

No caso de Sobre Àvia Peix, a súa directora Anna Llargués destaca que «é unha historia persoal, que me conmove, e desexo que sexa contada» que reflicte como a nena protagonista vive as horas da morte da súa avoa sen entender ben que acontece ao seu redor. Xa por último, Camila Mailén, directora de Área Central, aposta por un coming of age con tinguiduras dramáticas que pretende reflectir outro tipo de infancia, a dunha nena que pasa boa parte dos seus días no negocio familiar que a súa nai rexenta dentro dun coñecido centro comercial de Santiago de Compostela.

Equipa formativa

Os cinco seleccionados terán titorías individuais e espazos grupais de intercambio con Estíbaliz Urresola, así como accederán a tres formacións específicas en distintas materias para fortalecer os seus proxectos: Guión con perspectiva de xénero, impartida por Carmen Ávalos; A importancia da coordinación da intimidada nunha rodaxe, a cargo de Tábata Cerezo e Lucía Delgado, creadoras da empresa especializada IntimAct; e Primeiros pasos tras a finalización dun guión, impartida por Beli Martínez.

FICBUEU

Cada un destes proxectos recibirá 2.000 euros como apoio ao seu financiamento, mentres que a curta que se faga co Premio RC Service obterá, a maiores, un desconto de 1.500 euros en compra e alugueiro de material para a rodaxe da película.