José Vicente estira con acerto a triloxía de Marta

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

POIO

O palmeirense presentou o seu novo libro, «Un millón de teselas», nun acto abarrotado de xente

16 sep 2023 . Actualizado a las 19:11 h.

Como é posible estirar unha triloxía? Pois moi simple, converténdoa nunha tetraloxía, e esta pode ser a ponte para unha pentaloxía, e así sucesivamente, hasta que o seu creador decida poñerlle fin. Esa foi unha das conclusións da presentación do libro Un millón de teselas, obra de José Vicente Domínguez, o cuarto volume de investigacións da inspectora de policía Marta Gómez, personaxe saído da imaxinación do palmeirense que, como recoñeceu no mesmo acto, non ten equivalente real, non está inspirado en ningunha persoa.

Domínguez atopouse no Centro Cultural Lustres Rivas cunha afluencia inesperada, xa que a sala estaba chea, a pesar da abafante calor. A maior parte, veciños de Palmeira, a súa vila, que non deixa de citar nas súas obras, aínda que nesta só fose de pasada. Ao seu carón, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, que recoñeceu a satisfacción que sentía arroupando a José Vicente, xa que tamén ela é de Palmeira. Fixo un percorrido pola súa obra, que anda polos 16 títulos, o que confirma que «estamos ante un prolífico escritor».

Igual de satisfeito se declarou Vicente Mariño, que explicou a boa sintonía que ten dende hai tempo con José Vicente, por encima da forma de pensar de cada un, e tamén pola vinculación que ten coa segunda parroquia máis grande do concello de Ribeira. Tanto Mariño como Alberte exerceron a representación municipal, xa que o alcalde, Luís Pérez Barral, tivo que atender outro compromiso relacionado co cargo.

Enganchar ao lector

Ao longo da presentación púxose de manifesto que José Vicente Domínguez consegue, nesta cuarta investigación de Marta Gómez, enganchar ao lector, que se vai atopar en Un millón de teselas, con un libro entretido e fácil de ler, xa que se estrutura en 64 capítulos curtos e con un corpo de letra grande para facilitar a lectura de persoas de todas as idades.

O autor desvelou que a inspiración da obra veulle da visita que fixo ao mosteiro de San Xoán de Poio nos anos noventa e descubriu o mural de Antoine Machourek, titulado Camino de Santiago, que alberga o inmoble e que está integrado por un millón de teselas, que son pequenas pezas de mármore. Alí coñeceu ao responsable dunha biblioteca con tres mil volumes, e respecto á mesma lamentou que non estean máis coidados porque a economía dos mercedarios non da para tal cousa. José Vicente confesou que antes de escribir a obra, que ten ao convento como epicentro, o superior da orde pediulle que tratara de deixalos ben, compromiso que cumpre, xa que a lectura do libro levanta interese por visitalo.

Os escenarios de Un millón de teselas son desde o entorno de Pontevedra e de Poio, ata a ría do Burgo en A Coruña, e outros lugares que demostran que o autor está moi apegado a Galicia, e de feito, el mesmo confesou que para a confección da obra percorreu todos os lugares que cita na mesma.

Jose Vicente Domínguez explicou que a súa afección a escribir veulle das súas horas de navegación, cando pasaba longo tempo en soidade na que aproveitaba para ler e, tamén, para ir anotando todo aquilo que lle chamaba a atención como «unha maneira de evadirse e crear un universo propio nas circunstancias dun duro traballo». Froito desa observación, das postas de sol, dos temporais e as circunstancias das que era testemuña foi o seu primeiro libro, Con el sol por la popa, que escribiu no 2003.

Sobre a súa forma de narrar, sinalou que hai quen a aproxima ao xornalismo, pero explicou a diferenza: «Un xornalista escribe de cousas que suceden, e eu teño que falar de cousas que fago que sucedan». E, entre outras confesións, atribuíu moito do seu estilo ao seu mestre Carlos García Bayón, do que se declarou admirador da forma de falar rococó e barbazona que tiña.