Pontevedra, un escaparate para «Peixe» de Xisco Feijoó

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Martina Miser

Os concertos das festas completaranse coas actuacións de Pol Grancha e de Dani & Kimberley Tell

09 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantante e bailador, Xisco Feijoó ten esta noite unha cita nas Festas da Peregrina para presentar o seu primeiro traballo discográfico, Peixe. Tanto o álbum como o espectáculo en directo achegan ao gran público «unha visión contemporánea sobre a música de creación colectiva».

Deste xeito, o autor pretende acercar, «desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega», destacaron dende The Office Comunicación. «Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querenzas e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles», sinalou, pola súa banda, Xisco Feijoó.

Cantante, premiado bailador, coreógrafo, presentador de televisión, vocalista, mestre da ETRAD e coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu... Podería considerarse que Xisco Feijoó e omáis parecido a un artista total. Pese a ser un firme difusor do canto e baile tradicional é capaz de deixar a súa pegada e darlle ás súas obras un verniz moderno e renovador.

Así, e segundo resaltaron dende The Office Comunicación, «logo dun incesante labor de recuperación etnográfico polas aldeas galegas ao longo de máis de trinta anos, e de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos de artistas de raíz con proxección internacional, como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros, Xisco Feijoó presenta o seu primeiro traballo discográfico, unha creación que bebe do máis puro e ancestral para achegar a modernidade “alén das peixeiras”».

Resto do programa

Mentres que o concerto de Xisco Feijoó está programado para as nove da noite na praza da Ferrería, media hora máis tarde arrancará na praza de España o de Pol Granch. E ás 22.30 horas fara o propio o de Dani & Kimberley Tell nas pistas de Campolongo.

A xornada arrancará ás 12 horas cos pasacalles do grupo Pola Vila e da charanga Mil9 polo centro da Pontevedra e as 12.30 horas Os Alegres amenizarán o barrio da Seca e a charanga OT o do Burgo. Xa pola tarde, ás 18 h., tocaralle a quenda a Pousos na Area por Mollavao e a charanga OT polo centro da cidade. Media hora despois, Pola Vila voltará ao casco urbano e Mil9 a Monte Porreiro.

Na Alameda, pola súa banda, música infantil a cargo de A Banda do Verán (19 h.) co seu espectáculo A casa do terror. Ás 19.30 horas, teatro de rúa a cargo de El Sidral e o seu espectáculo Hélico.