Pontevedra entona o «Grândola, Vila Morena» no 50 aniversario da Revolución dos Caraveis
PONTEVEDRA CIUDAD
Cientos de persoas cantan a icónica canción de Zeca Afonso ás portas do Teatro Principal
26 abr 2024 . Actualizado a las 20:33 h.«Grândola, Vila Morena / Terra da fraternidade / O povo é quem mais ordena / Dentro de ti, ó cidade / Dentro de ti, ó cidade / O povo é quem mais ordena / Terra da fraternidade / Grândola, Vila Morena». O universal tema composto por Zeca Afonso, que se converteu nun dos símbolos da Revolución dos Caraveis de Portugal, volveu a ser entoado onte por centos de voces en Pontevedra, cidade que conmemorou o medio século do «movemento que nun só día puxo fin a ditadura fascista do Estado Novo no país veciño», destacaron dende o concello.
Deste xeito, e coa intervención da agrupación musical Mais Cantos liderada por Nelson Quinteiro, centos de persoas citáronse no Teatro Principal convocadas polo Ateneo de Pontevedra para cantar o Grândola, Vila Morena, canción que pasou á historia tras ser escollida polo Movemento das Forzas Armadas (MFA) para ser un dos sinais do comezo da Revolución dos Caraveis. E de novo, coa emoción metida no corpo, púidose gozar dun tema que fora prohibido polo réxime salazarista e que nas últimas décadas transcendeu o que é Portugal para instalarse no imaxinario colectivo: «Em cada esquina, um amigo / Em cada rosto, igualdade / Grândola, Vila Morena / Terra da fraternidade».
En todo caso, os actos polo cincuenta aniversario da Revolución dos Caraveis, 50 anos dun soño. 25 de Abril, sempre, xa tiveran este xoves pola maña escrito o seu prólogo coa presentación no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra de Colectânea 2024 Sempre abril, traballo elaborado por 54 escritores e poetas de Portugal, Galicia, Asturias e Estremadura. E, de igual modo, terán continuidade o vindeiro martes, 30 de abril, cunha mesa redonda no Pazo de Mugartegui na que, baixo o título de Todos eles foron Capitáns, intervirán tres integrantes do Movemento das Forzas Armadas, os capitáns de navío Pedro Cunha Lauret e Carlos de Almada Contreiras, e o coronel Antonio Rosado dá Luz.