A Fundación Manuel Moldes reúne ao artista de Pontevedra cos seus «Camaradas» de pincel

PONTEVEDRA CIUDAD

A mostra exhibe obras de Mon Vasco, Francisco Mantecón, Ignacio Basallo, Luís Borrajo ou Jorge Barbi, entre outros
26 mar 2025 . Actualizado a las 09:52 h.Dende este venres e ata o vindeiro mes de novembro, una nova exposición dará continuidade ao compromiso da Fundación Manuel Moldes de Pontevedra de recuperar e dar visibilidade ao legado deste artista da cidade do Lérez. Deste xeito, se a mostra inaugural consistiu nunha antoloxía de obras asinadas por Manuel Moldes que abranguía máis de cinco décadas de traballo e amosaba a riqueza e variedade da obra deste pintor, hai escasas semanas clausurouse unha segunda exposición que, «compartindo espazo cos cadros de Mikel Díez Alaba, celebraba os 50 anos da presentación formal de Moldes no circuíto galerístico de Madrid en 1974, unha etapa pouco documentada do pontevedrés e que permitiu situalo mellor no contexto artístico estatal», destacaron ao respecto.
Así, e «seguindo con esta liña de pensamento, a Fundación presenta agora Camaradas, unha exposición na que reúne a Manuel Moldes con Mon Vasco, Ignacio Basallo, Luís Borrajo, Guillermo Monroy, Correa Corredoira, Xaime Cabanas, Jorge Barbi e Francisco Mantecón tomando como nexo a amizade que Moldes compartía con cada un deles». Dende a Fundación Manuel Moldes engadiron que «a maioría destes artistas, así como o propio Moldes, foron integrantes de Atlántica (grupo renovador da plástica galega nos anos 80 do pasado século) e deron, e inda dan, forma ó panorama artístico de Galiza».
De este modo, a camaradería que dá título a esta exhibición permite entendela como «un relato e un lugar de encontro pensado para a reflexión sobre algúns dos argumentos que ordenan a narrativa artística e para propoñer outras achegas que discutan eses relatos canónicos». Establecese entón un diálogo entre as distintas pezas «moi aberto», de tal xeito que pintura e escultura, xunto con artistas tan variados, ofrecen novas olladas dende puntos de vista novidosos.
A inauguración de Camaradas será o próximo venres ás 19 horas na sede da Fundación Manuel Moldes en Pontevedra.