O máis eficaz contra o covid

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

SANXENXO

21 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vou aplicar a técnica do suspense, e direillo despois de aproximadamente mil caracteres. Tras moitas dúbidas, indecisións e medidas contraditorias, o Goberno central e as comunidades chegaron á conclusión de que os chineses teñen razón e que as medidas eficaces para frear a pandemia son as máscaras, a hixiene, a distancia social e o confinamento dos contaxiados. E parece que eles o lograron. Diranme que non son moi cribles, pero a mellora da súa economía demostra que teñen controlado o virus. En Galicia temos outro exemplo máis modesto: o concello de Sanxenxo, a meca do turismo galego, o lugar onde durmiu máis xente nos hoteis este verán, é o menos contaminado. O seu alcalde di que por crear unha cultura de protección e seguridade: praias cuadriculadas, limpeza en baños públicos cada hora e media e todo o mundo con máscara. O mesmo que din as autoridades chinesas. Como conseguiu o alcalde galego que esas medidas funcionasen alí e non noutros lugares? A resposta está nas multas! En Sanxenxo puxéronse en xullo e agosto 372 multas por non levar máscaras. E cando un veciño lle dicía a alguén: coidado, que che van multar, o tipo non lle respondía que se metese nos seus asuntos, nin o insultaba ou ameazaba chulescamente. E tomaba nota. E mesmo é posible que co recadado poidan pagar polo menos en parte ás persoas encargadas de facer cumprir as normas. Como o conseguiron na China? Non se sabe, pero seguro que todos o imaxinan e acertan. E tamén por que no resto de España non funcionaron. Non basta dar normas: hai que poñer os medios para que se cumpran.