Ainhoa Fervenza, candidata do PSOE de Sanxenxo: «Temos que promover a vivenda pública e deixar de perder poboación de xente de aquí»
SANXENXO
A líder socialista comprométese a tomar medidas para a desestacionalización do turimo e a unha mayor integración do Concello coa sociedade e cos colectivos veciñais e deportivos
17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Ainhoa Fervenza encabeza a candidatura do PSOE á alcaldía de Sanxenxo, nun Concello no que os socialistas na actualidade teñen tres concelleiros e co obxectivo marcado de ampliar a súa representación. Fervenza destacou tamén pola súa belixerancia neste mandato contra a xestión do actual alcalde, o popular Telmo Martín, e a súa equipa do PP.
-Por que ser a candidata do PSOE en Sanxenxo?
-Porque necesitamos unha alcaldesa que dirixa este Concello cara o futuro. Estamos vivindo do pasado e seguimos na política do cemento, de campos de golf e un turismo obsoleto de sol e praia. Eu son unha persoa de acción e de obxectivos. Veía que faltaba un referente na esquerda deste partido e eu metinme en política para apoiar ao PSOE en Sanxenxo.
-Que criterio seguiu para facer a lista?
-As listas son moi complicadas porque a sociedade está moi acomodada e é moi difícil facer unha candidatura como ao mellor te gustaría. Pensei en parroquias, en persoas que fosen referentes nesas parroquias e ao final tiven unha enorme sorte de que todas as persoas que levo na lista sonno e quixeron apostar por este proxecto, pero non foi doado.
-Cales son os eixos fundamentais do seu programa?
-Turismo ligado á economía; a vivenda pública; e promover, axudar e estar coa veciñanza da man dos clubs e do asociacionismo.
-Que propón para turismo?
-Eu entendo que é o sector produtivo máis importante de Sanxenxo, pero o temos sen explotar e a liña máis clara de actuación vai ser promover a desestacionalización cun programa clarísimo que temos deseñado desde setembro ata maio. Non é un falar por falar. E no verán tentar desconxestionar un pouco os núcleos tanto de Portonovo como Sanxenxo cara ao rural, coas nosas postais, que é un programa para que se alguen de fóra ven a Sanxenxo e se vai sen ter visitado Dorrón ou A Telleira ou Noalla, vai ter a sensación de que non estivo aquí.
-E en vivenda?
-Temos que promover a vivenda pública e deixar de perder poboación de aquí, nativa, porque Sanxenxo medrou á costa das segundas residencias. Estamos perdendo aos mozos de aquí. Temos o solo do PE-17, que é o que está detrás da igrexa, onde se pode facer vivenda de aluguer. No Revel tamén faremos unha modificación puntual do solo onde se ía facer o centro sociocultural e está o das cesións que nos teñen que dar no SU-27 Altamira Xunca Branca, para que o ISGVS faga todo o que necesitamos.
-Como ordenar o estacionamento?
-Parece que Telmo Martín lle ten manía a Portonovo porque o que contempla é eliminar as 350 prazas que hai gratis en superficie e nos quere poñer un párking soterrado de 300 prazas. O proxecto que contemplamos no PSOE é facer a humanización de Rafael Picó en superficie, deixar os usos do porto como están modificando moi pouco, e facer o párking no Espiñeiro. Para Sanxenxo hai que facer un aparcamento soterrado na rúa das Cunchas e favorecer outro en Miraflores.
-O emprego é un tema recurrente nos programas electorais. Que propón para fomentar o emprego?
-Pois tendo en conta que máis do 80 % do emprego que se xenera en Sanxenxo vai ligado ao turismo eu teño claro quea un hostaleiro, se lle das a posibilidade de que os custos de ter aberto o seu local se poden asumir co que se factura no inverno, iso favorecerá que estean abertos todo o ano ou que prolonguen a temporada. Podemos chegar a unhas taxas aceptables de emprego en temporada baixa.
-Que opina das reformas portuarias en marcha?
-Con respecto a Sanxenxo pouco se pode facer porque xa está en marcha. Podería dárselle unha volta ao que é a batea, pero penso que o proxecto no seu conxunto xa vai para diante e o que me gustaría, en todo caso, sería que para aa batea, xa que a imos a ter, convertela nun espazo dinámico na que as persoas que pasen teñan alí un espazo referente do mar. Se cada persoa que ven aquí pasa pola batea despois das horas de praia, podes facer algo de dinamización. Querería que a batea estivera chea de contido cultural, cando non teña actos especiais como conferencias ou concertos.
-E para Portonovo?
-Telmo Martín está empeñado en facer unha copia do que é Sanxenxo e eu estou totalmente en contra. Portonovo ten que ser mariñeiro e hai que fomentar esa idea . Eu quero humanizar Rafael Picó, pero non quero eliminar como está estructurado o porto nin o aparcamento en superficie. Eu visualizo unha muller vestida de peixeira chamando ás persoas para facer visitas guiadas á parte alta de Portonovo, que é o centro histórico da vila e recuperar unha casa, que será un centro etnográfico desa peixeira.
-Vilalonga?
-Temos unha política negacionista por parte do Concello a todas as nosas mocións para Vilalonga, pero logo nolas copian. Nós na praza queremos que sexa polivalente e que teñan máis cousas das que están a facer. E eu non sacarei as oficinas de Medio Ambiente do centro de Vilalonga e na Telleira farei un proxecto de musealización e dotalo de contido.