Francisco Leiro, candidato do BNG de Sanxenxo: «Queremos crear un parque de vivenda en aluguer»

Marcos Gago Otero
Marcos Gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

Francisco Leiro, candidato do BNG de Sanxenxo
Francisco Leiro, candidato do BNG de Sanxenxo CAPOTILLO

O líder do Bloque comprométese a modificar o PXOM para favorecer o crecemento dos núcleos e medidas concretas para avanzar la desestacionalización

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Franciso Leiro Duarte encabeza por primeira vez a candidatura do BNG á alcaldía de Sanxenxo. Transplantado do fígado e integrante da lista do Bloque de hai catro anos, Leiro aspira a contribuír ao regreso da esqueda ao Concello fronte ao alcalde popular Telmo Martín.

-Por que ser o candidato do BNG en Sanxenxo?

-Porque coincide totalmente coa miña ideoloxía e é o único partido que encaixa no respecto ao medio ambiente e o feminismo, senón tamén polo amor á nosa cultura e polo diagnóstico de que moitas carencias que temos en Galicia é polo trato desigual que nos dan desde España. Aparte co compromiso coa sociedad xa que en Sanxenxo a sanidade está peor se cabe que no resto de Galicia, preocúpame moitísimo o rumbo do noso concello, que se está creando un concello cheo de guetos para ricos e que o prezo da vivenda se dispare e o traballo se estacionalice so no veran.

-Que criterios seguíu para facer a lista?

-Preocúpanme moito á mocidade e iso foi un criterio importante á hora de facer a lista. Combino esa inquietude con xente que xa tiña experiencia en política. Seguimos contando con David Otero e Sandra Fernández Agraso [exportavoces municipais do BNG de Sanxenxo] porque no resto dos partidos están ano si e ano tamén con liortas internas e nós no BNG de Sanxenxo temos claro que o importante é o proxecto.

-Cales son as súas principais liñas programáticas?

-Vivenda, traballo e servizos, sobre todo descentralizados. En vivenda queremos crear un parque de vivenda en aluguer, anual e que sexa asequible e para iso queremos buscar un xeito de que a vivenda da banca e desocupada se poña en mans da mocidade. Queremos que os propietarios de vivenda, que hai moita que so se aluga no verán, teñan desde o Concello un marco que ofreza seguridade, un seguro ao propietario e ao inquilino para que nin un teña a preocupación de que o van botar do piso nin o outro non teña medo de que lle vaian facer un destrozo.

-Como pode fomentar o emprego desde o Concello?

-Eu son inxeñeiro en Telecomunicacións e teño vinte anos de experiencia. Sei que existen novas tecnoloxías emerxentes que aínda non teñen ubicación e que nós podemos facer atractivo Sanxenxo como un lugar onde poidan asentarse. Por ejemplo, crear congresos destas novas tecnoloxías que os atraian, e falando con eles convencelos para que se instalen aquí.

-Como se desestacionaliza o turismo?

-Iso de desestacionalizar levámolo prometendo vinte anos. Non se pode facer dun día para outro, pero hai que buscar un equilibrio entre os hoteis, os restaurantes e os reclamos do turismo, que teñen que ir todos da man. Non se pode improvisar, hai que fomentar que se vaia estirando o programa do verán. Hai que buscar algo orixinal porque se fas o mesmo que os demais, iso non vai atraer público. Podemos facer festivais que poden ter un carácter propio e se teñen algo que ver co concello mellor e poñelo en setembro ou xuño e que segundo vaian pasando os anos os hoteis vexan que teñen demanda de aloxamento e irán mantendo así os negocios abertos. É un camiño longo pero é o único posible.

-Un problema en Sanxenxo, o tráfico e o aparcamento. Que propón vostede?

-É un problema común. A Deputación de Pontevedra ten o plan Ágora que esixe unha serie de requisitos para aceptar a subvención deses proxectos e está máis que demostrado que funciona como se ve no concello de Pontevedra. É un plan que vertebra o comercio no núcleo das vilas e devolve ao peón a vila. Portonovo e Sanxenxo non son Pontevedra, son mellor. Estamos mal acostumados de aparcar fronte a porta dos negocios, pero iso non pode ser. Hai que ter parques disuasorios nos arredores e que por dentro os núcleos estean humanizados e non haxa prazas de aparcar. Os visitantes non se meten no centro co coche e humanizas o centro da vila. 

-Cal é a súa posición sobre a reforma portuaria en Sanxenxo e Portonovo?

-En Sanxenxo, a min, gústanme que as prazas estean bonitas, pero parécenos inxusto que se gasten seis ou once millóns en levar unha batea en terra se lle diga a moitos núcleos do rural que non aos servizos ou a seguridade vial. Co porto de Sanxenxo, esa obra na praza do Mar non a faríamos. En Portonovo, hai que redifinir os usos do porto, protexer a actividade portuaria e, sobre todo, falar coas partes. Nós tivemos unha reunión con Amigos da Dorna e do proxecto que anunciou o alcalde, a esta asociación ninguén se dirixíu para preguntarlles. Toda a parte da explanada do porto de Portonovo non ten un uso que beneficia aos veciños, ao repararse barcos que nin sequera son de aquí. Ese terreo que se lle gañou ao mar debe recuperarse para facer un espazo que os veciños poidan disfrutar.

-O centro de saúde de Baltar é un constante eixo de queixas. Pode facer algo o Concello para mellorar a sanidade pública de Sanxenxo?

-A resposta curta a esta pregunta é si. Podemos facer algo para melloralo, aínda que a competencia é autonómica, da Xunta, non do Concello. O noso modelo non é o de Telmo Martín, de botarlle a culpa aos médicos, senón a da alcaldesa de Moaña que acompaña aos veciños nas súas reivindicacións para que teñan o persoal que se necesita.

-Que proxectaría vostede para Vilalonga?

-Ten dous problemas: o urbanismo e os accesos, que está mal comunicada. No PXOM está previsto o vial que a comunica Vilalonga co polígono. Hai que facelo. O problema urbanístico é que non medra porque non se lle deixa porque se favorecen os guetos para ricos, que no inverno están baleiros e non asentan poboación na vila. Esa edificabilidade non deixa crecer os núcleos.

-Reformaría o PXOM?

-Si, desde logo. Este PXOM está máis que caduco e o propio Telmo Martín decatouse porque neste ano tivo que modificalo e reducir a edificabilidade á mitade, porque das 33 superficies urbanizables que definía ese PXOM no 2003 non chegamos nin a un 15 % realizadas.