Chegou á casa. Estaba cansa, moi cansa, pero sobre todo infinitamente triste. Facía 24h que estaba levantada e apenas parara. Primeiro dirixírase ó seu traballo, como era festivo, nesa area do hospital non había ninguén. Entrou no laboratorio, colleu as placas de petri, e saiu. Así de fácil, así de terrible. Parecía mentira que algo tan letal non estivese mais vixiadou ou protexido pero así era.
Primeiro dirixiuse ó aeroporto de Vigo, despois ó de Coruña e por último ó de Santiago. Un paseo por cada un deles destapando unha placa, deixando que se espallasen os virus, e despois abandonándoa nun sitio discreto no que, cando a atopara o servizo de limpeza ,posiblemente a tirase ó lixo pensando que era un accesorio de maquillaxe esquecido.
Santiago estaba repleto de xente, pois eran as festas do Apostol, o cal facilitaba moito a súa tarefa. Paseou por toda a vila con placas abertas, deixando que se espallase o seu mortífero contido e, por suposto, acudiu á misa mais concorrida da Catedral quedando alí tamén unha placa discretamente abandonada.
Despois de xantar no sitio mais abarrotado que deu atopado volveu a Vigo e a Coruña para mesturarse cos cruceiristas que fixeran escala en ambas cidades. Parara tamén nun par de Vilas das rías baixas que concentraban boa parte do turismo de praia que acudía a Galicia. Xa pola noite regresara a Compostela para acudir ós concertos do Apóstolo, deixando mais placas abertas.
Estaba tremendamente apenada polo que acababa de facer pero non vía outra solución. Os seres humanos estaban acabando coa natureza. Destruindo a vida animal e vexetal directa ou indirectamente sen ningún pudor. En Galicia, sen ir mais lonxe, por se non fose abondo cos Eucaliptos, estaba agora tamén a explotación mineira e a invasión dos eólicos, por non falar da expansión dos viñedos e un longo etc. Saiu do garaxe, tomou todas as pastillas do frasco e deitouse na eira debaixo dunha sobreira.
15 días despois practicamente toda a humanidade estaba contaxiada. Un mes despois quedaba menos de 1000 persoas vivas… En todo o mundo.
Consuelo Cacho Iglesias. 73 anos. Boqueixón.