Quedada na marquesiña

Dolores Asenjo Gil

RELATOS DE VERÁN

25 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco instalaron fronte ao edificio administrativo de San Caetano unha fileira de marquesiñas moi xeitosas de madeira, ferro e cristal. Sete marquesiñas de tamaño normal e unha moi longa que suma ata once das outras. Este despregue de mobiliario urbano recibe cada día laborable, e despide pasadas unhas horas, aos centos de traballadores que veñen dende distintos puntos da xeografía galega. A primeira hora da mañá e da tarde a actividade flúe coma nun formigueiro ben organizado. As persoas baixan refregando os ollos da sonata do camiño e logo soben apresuradas coa teima de estar pronto na casa.

O resto do día as instalacións fican soas e esquecidas e, pese á discreción do seu deseño, atraen as miradas dos viandantes. Nalgúns incluso espertan unha certa tristeza ao identificar esa soidade coa súa propia.

A outra tarde cando paseaba pola zona leveime unha gran alegría. As cinco primeiras marquesiñas semellaban estar meditando polo silencio e recollemento que transmitían. A medida que ascendía pola beirarrúa chegoume un murmurio alfúfaro e o eco dalgunha risada. Unha morea de rostros coñecidos saudáronme ao pasar xunto a gran marquesiña que parece non ter fin. Alí, ao acubillo do sol polas árbores que regalan a súa sombra e do aire polas paredes de cristal, daba xenio ver a todas as mulleres de certa idade da contorna.

Atoparan un recuncho no que había sitio para todas. Elas, falangueiras, seguiron coas súas lerias e eu co meu paseo. E antes de xirar pareceume ver que a marquesiña longa despedía un brillo especial como se a compaña lle sentara ben, moi ben.

Dolores Asenjo Gil. 55 anos. Santiago de Compostela.