Luz Casal : «Sempre me gustou meterme en camisa de once varas»

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

A cantante galega abre o día 2 o ciclo «Sons da diversidade» no Auditorio de Galicia Este concerto de voz e piano éexcepcional «porque me gustan os vatios e os grandes escenarios»

27 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Que a Luz Casal lle gustan os retos é evidente non só coa súa música. Tamén nas pequenas grandes cousas como cando decide -«¡por que non!»- facer a entrevista en galego tralo espontáneo saúdo que fai nesta lingua, que tamén é a súa aínda que dende hai moitos anos só a fala cando visita a parte da familia que vive na Coruña. O caso é que Luz Casal vai cantar o 2 de abril no Auditorio de Galicia. Abre o ciclo de concertos Sons da diversidade que organiza a Concellaría de Cultura. E vaino facer coa excepcionalidade da súa voz co único acompañamento dun piano tocado polo indiscutible mestre Jon Gilutin, que viaxará de California para esta actuación, a mesma que ofreceu por primeira vez nun ciclo da Fundación Barrié de la Maza na Coruña, hai perto dun ano, e que repetiu cun grande éxito nas cidades norteamericanas de Los Angeles e Phoenix. A cantante galega, nacida e criada en Boimorto pero afincada en Madrid desde que era pouco menos que unha adolescente, conta que o concerto só de voz e piano que deu na Coruña foi a proposta da Barrié, e que accedeu «porque pensei que non estaba mal e que era unha boa maneira de presentar algunhas cancións novas, pero non significa que vaia deixar o meu estilo de concertos. Foi algo excepcional e como tal aceptei cantar de novo con esa posta en escena en Santiago». Comenta que sería moi fácil «dedicarme a dar concertos así, pero a min gústame a sensación dos grandes escenarios, de cantar con moita instrumentación e diferentes músicos, dos vatios, das grandes escenografías... Aínda me parece moi interesante esa faceta musical». Nesa faceta de cantante de grandes escenarios, de estrela do rock, tamén teñen cabida cancións cheas de fondura sentimental. Poderíase pensar que Luz optou polo rock porque era o estilo que mandaba e que se impoñía como un reto para unha muller coma ela «a que sempre lle gustou meterse en camisa de once varas, porque necesito sentir que fago cousas novas, que resultan interesantes». Vinte anos de traxectoria artística ascendente, tanto cantando rock como baladas, avalan a súa capacidade para enfrontar retos. Porque como explica ela «hai momentos na música nos que tes raiba, nostalxia, dor... En fin, sempre digo que cando un solista fai un disco novo non é o mesmo que se o fai un grupo. Unha fai aquelo que considera necesario e expresa momentos da súa vida. Despois de Piensa en mi a xente agardaba que sacara un disco de baladas, pero non foi así, porque era outro momento. Eu estou na música, sigo na música, para sorprenderme primeiro a min mesma». Dá unha idea da persoa inqueda que ela mesma di ser, «unha persoa que persigue moitas cousas e que é conscente do mundo no que está». Luz Casal está facendo cancións novas, e un amigo que as escoitou díxolle que algunha lémbralle «a miña época máis tola».