Luar na Lubre presenta novo disco e un documental sobre os 18 anos da banda

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

O concerto, coa proxección das imaxes, será esta noite no Pazo de Congresos A longametraxe, realizada por Ignacio Vilar, estréase no cine Valle-Inclán o venres

11 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A banda folk Luar na Lubre celebra a súa maioría de idade coa presentación dun novo disco, Hai un paraíso , o oitavo nestes dezaoito anos e do que segundo o líder do grupo, Bieito Romero, se sinten máis satisfeitos. Como non é un aniversario calquera, decidiron traducir a beleza duns temas que buscan «o equilibrio entre paisaxes sonoras» en imaxes que rexistran a íntima relación entre os integrantes da formación, a súa música e Galicia, das que resultou a película documental Un bosque de música . O lanzamento deste último traballo discográfico terá lugar no concerto que Luar na Lubre ofrece esta noite, a partir das 21.00 horas, no Pazo de Congresos, que supón o inicio dunha xira que coincide coa estrea nos cines galegos o próximo venres da longametraxe sobre a banda que realizou o cineasta Ignacio Vilar. Bieito Romero e a violonchelista e cantante de Luar na Lubre, Rosa Cedrón, así como Ignacio Vilar, presentaron o traballo discográfico e documental no Concello de Santiago, co concelleiro de Cultura, Néstor Rego, de anfitrión e coa participación do director xeral do Audiovisual, Ignacio Otero, e do director de programas da TVG, Carlos Carballo. Este último indicou que a difusión da película documental farase en formato vídeo e DVD no mercado televisivo antes da súa emisión en aberto. O DVD estará á venda a mediados de xuño. O proxecto da longametraxe naceu hai dous anos e foi realizada cando a música xa estaba gravada, polo que Ignacio Vilar asegurou que tivo ventaxes, «porque as imaxes guiáronse pola música». A produción ascendeu a 600.000 euros, financiados na súa práctica totalidade por entidades privadas, porque a Xunta aportou 20.000 euros, segundo dixo o director do Audiovisual. O son gravouse en sistema Dolby, o que supuxo un custo de 84.000 euros. Luar na Lubre foi erixida mellor banda celta do mundo por Mike Oldfield, tras descobrilos nunha audición privada. Foi o seu lanzamento, porque de aí naceu O son do ar , incluído polo músico británico no seu álbum Voyage r. Despois sacaron Plenilunio , Cabo do mundo e Espiral. Premios e éxitos internacionais permiten «afirmar sen complexos», como suliñou Néstor Rego, «que Luar na Lubre é unha das formacións máis importantes do mundo, o exemplo de que en Galicia hai unha produción musical propia que debe ser un elemento de exportación cultural».