«Turisticamente a Semana Santa non é moi especial»

María López García
María López SANTIAGO

SANTIAGO

Entrevista | Xosé Santos Solla O experto considera que o elemento relixioso de Santiago non pode competir con Zamora ou Sevilla nestas datas

28 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?hega a Semana Santa e con ela miles de turistas acoden a Santiago para, segundo o director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur), Xosé Santos Solla, «coñecer a cultura» da capital galega. Santos Solla estivo onte no Centro de Estudios Avanzados (CEA) para inaugurar e participar na segunda Xornada de Estatísticas en Turismo. -¿De que nacionalidade son os turistas que acoden a Santiago en Semana Santa? -O turismo de Semana Santa é fundamentalmente español, aínda que dende hai uns anos estase notando nese pequeno período vacacional de tres ou catro días un desprazamento de alemáns, británicos e italianos. -¿Cales cree que son os motivos que atraen aos turistas a viaxar a Santiago: ocio, relixión...? -Eu creo que ambos se mesturan. Fundamentalmente a cultura é o que atrae ós visitantes a Compostela. O casco vello e, concretamente, a Catedral, seguen sendo os pilares do turismo compostelán. -¿E na Semana Santa? -Dende o punto de vista turístico, a Semana Santa de Santiago non é moi especial, non se pode comparar coa de Zamora ou a de Sevilla, por exemplo. De tódolos xeitos, creo que o elemento relixioso da cidade de Santiago ten un grande atractivo para os visitantes. -¿Cambiou o turismo compostelán? -Si, e aínda está cambiando. Estase a producir unha internacionalización do destino moi importante. Dende hai dous ou tres anos, cos voos de baixo prezo, comezan a incorporarse mercados moi secundarios, coma o austríaco. Tamén se incorporaron no turismo compostelán as Illas Baleares, un archipiélago no que o sector turístico é unha fonte de ingresos moi importante, polo que en temporada alta, como a Semana Santa, os baleares non poden vir porque hai moitísima xente que está traballando no sector turístico. -¿Os turistas prefiren aloxarse en hoteis luxosos ou en pensións máis humildes? -Depende do perfil do turista. O turista de congresos ou negocios vai ós grandes hoteis porque son os que teñen os equipamentos para realizar os eventos oportunos. O turista vacacional cambia moito dependendo da persoa. Hai unha tendencia en Santiago ós pequenos hoteis do centro histórico, sobre todo para o turista estranxeiro. Tamén inflúen os paquetes das axencias de viaxes, que adoitan traballar con hoteis grandes. O certo é que non existe demasiada relación entre, por exemplo, viaxar en voos de baixo custe e aloxarse nun hotel de luxo. O feito de que o turista aforre na viaxe non quere dicir que o vaia facer na estancia.