Todo acaba en monólogo interior

Camilo Franco

SANTIAGO

14 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un día inventaron a psicoloxía e o mundo interior converteuse nunha inmensa paisaxe que o mesmo valía para explicar os comportamentos que para que os escritores ampliaran os dominios do eu co monólogo interior.

Carl Gustav Jung é un deses nomes que se cita con frecuencia pero non tanto pola súa obra como pola súa autoridade. Quizais as súas discrepancias con Freud se debían a que este consideraba a psique como un hipermercado da culpa e Jung un espazo para descubrir.

Non sei se con Freud ou con Jung bastaría para coñecer a orixe de algúns conflitos. A burbulla tenta revelar os conflitos desde a perspectiva tranquila. Tres rapaces que viven en Tel-Aviv illados dos conflitos, traballando en bares nos que non saben pronunciar o nome de Martiño. Un día pasa algo e o conflito chega igual e cada quen ten que tomar posicións.

Do que igual podían falar Jung ou Freud é do reverso dos soños. Dos pesadelos ou da versión ampliada daquela frase que aseguraba que o soño da razón produce monstros. Twist of faith explica a viaxe psicolóxica que realiza unha vítima de abusos sexuais por un crego católico. Pero se vostedes son católicos non vaian a vela e digan que é todo ficción.

Para a última hora da noite dúas propostas con certa oposición. Por unha banda esa historia violenta sobre como desaparecen as mulleres en Ciudad Juárez. O documental non é violento, a que é violenta é a realidade. A que é violenta é a pasividade. O que resulta violento é saber que as cousas nunca suceden por azar.

Na outra punta está Philip Glass e a súa elegancia de mínimos. Non hai violencia, non hai dor. Mesmo poderiamos pensar que non son cousas do mesmo mundo. Pero si.