«Hai que abordar a mobilidade con perspectiva comarcal»

santiago / la voz

SANTIAGO

Defende que Xunta e concellos limítrofes se impliquen no aparcamento

19 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

?

Rubén Cela valora que a candidatura do BNG compaxina a experiencia de edilas como Elvira Cienfuegos e Olga Pedreira coa renovación que supoñen outras persoas, como é o seu caso.

-¿Que opina do movemento Democracia Real Ya?

-É normal a indignación coas políticas do PP e do PSOE. Contra iso hai que se mobilizar e dar pasos para que as cousas cambien, e este domingo, se non votamos, outros votan por nós. Existen alternativas a esas políticas, existe futuro, existe BNG.

-¿Que cambiaría primeiro na cidade se fose alcalde?

-As primeiras medidas serían para crear emprego e para mellorar a mobilidade do tráfico, do aparcamento en superficie e do transporte público.

-¿Non cre que aínda segue a ser un descoñecido?

-As organizacións que non se renovan acaban por ser renovadas pola sociedade. O BNG fixo unha aposta non individual, senón dun equipo. As veciñas e os veciños ven iso con bos ollos, a entrada de aire fresco en Raxoi, o que é bo contra a rutina e o estancamento. O importante é ter ilusión, proxecto e gañas de traballar. E a iso non me gañan.

-Apostan por novos centros socioculturais, ¿son necesarios?

-O BNG impulsou un modelo cultural en Santiago que é referencial non só en Galiza, senón en todo o Estado. Os centros socioculturais achegaron programación a barrios e parroquias rurais. É necesario actualizar e reforzar esa rede e construír outros en zonas de expansión.

-¿Defende que se peatonalice a rúa de San Pedro?

-As sucesivas solucións para esa rúa non foron idóneas, a xulgar polo estado actual. O BNG defende o diálogo coas persoas e terá en conta o Plan de Mobilidade que se está a redactar.

-¿En que se diferenza a política de turismo de BNG e PP? ¿Que lle pareceu o Xacobeo?

-O BNG impulsou os últimos catro anos unha planificación a medio prazo consensuada, a través do Plan Estratéxico de Turismo 2009-2015. O PP foi a antítese, e provocou que por vez primeira en 30 anos Lavacolla non tivese conexións internacionais durante 3 meses. Do Xacobeo, ¿que se pode dicir da Xunta que o inaugurou en Mondariz, por onde non pasa ningún Camiño de Santiago, tentou eliminar a palabra Santiago da promoción publicitaria ou convocou axudas que favorecían congresos celebrados fóra de Santiago?

-¿Que solucións de aparcamento ten o BNG?

-En Santiago circulan máis de 100.000 vehículos privados, o 75% de fóra. Hai que abordar a mobilidade con perspectiva comarcal, implicar á Xunta e a concellos como Ames, Teo ou Oroso e mellorar o transporte público, os aparcadoiros de borde e facer estacionamentos de orixe neses concellos. Sen renunciar a medidas a medio-longo prazo como o metro lixeiro ou un tren de proximidade.

-¿Por que Conde Roa o quería apartar dos debates electorais?

-Tentou gañar un debate non por contraste de ideas e propostas, senón pola exclusión do contrincante. O BNG goberna hai 12 esta cidade e contou nas pasadas eleccións municipais con case 8.000 votos. Afortunadamente, gañou a democracia, a pluralidade, a liberdade de expresión, gañou Santiago.

-¿Que prevé en deporte para os máis pequenos?

-Apostaremos polo deporte de base, polo que significa de educación en valores e instaurar hábitos de vida saudables. Colaboraremos con centros educativos para mellorar a oferta existente, crearemos escolas municipais deportivas e melloraremos a rede de instalacións deportivas.

ENCONTRO DIXITAL rubén cela, candidato do bng en compostela

«O BNG impulsou un modelo cultural en Santiago que é referencial en todo o Estado»

Rubén Cela