Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O festival é unha boa nova para a música galega e Compostela»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A cantante sostén que era necesaria unha iniciativa como a que organiza La Voz

18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Certame Folk contará o martes cunha mestra de cerimonias de excepción. A cantante Uxía será quen presente o festival organizado por La Voz co patrocinio do Concello de Santiago dentro da programación das Festas do Apóstolo, que conta ademais coa colaboración de Galicia Calidade, Ourives de Compostela, Multiusos Fontes do Sar e Artesanía de Galicia nesta terceira edición. A artista de Mos, afincada na capital galega, di que está a artellar un «guión especial e un pouco diferente» co que pretende situar ao público asistente no presente do folk galego a través de tres nomes moi significativos, como son A Banda das Crechas, Kepa Junkera e Budiño.

-Ten colaborado con moitos dos artistas que pasarán a noite do martes pola Quintana, ¿animarase a cantar con eles?

-Iso non se sabe [di entre risas]. En principio eu vou a facer o meu labor como presentadora, que é o meu cometido esa noite e tamén me parece importante facelo con cariño e con certo coñecemento, logo quen sabe se na noite ou no mesmo día xorde.

-É un festival relativamente novo, que cumpre a súa terceira edición. ¿Que lle parece a iniciativa como pulo á música e arte feitos en Galicia?

-É unha boa nova para a música galega e para Compostela, e moi adecuada nestas datas nas que celebramos o Día de Galicia. Supoño que o que a xente agarda cando chega camiñando ata a cidade dende tantos lugares é atoparse coa cultura e a música de aquí nas rúas e nas prazas. Máis neste momento, no que o folk galego está considerado unha das mellores músicas do mundo e contamos con artistas recoñecidos internacionalmente. Ten todo o sentido que chegue un festival coma este no Apóstol e nunha praza tan fermosa como A Quintana. Eu estiven nas anteriores edicións entre o público e foi emocionante ver a toda a praza bailando nunha noite de verán ao son da nosa música tradicional. Este ano será particularmente especial. Despois do accidente que aconteceu [o pasado 24 de xullo] sentimos unha cidade triste e desconsolada, e creo que a cidade e todos nós merecemos que regrese a música a rúa. Ademais foi tamén un ano moi complicado para a música ao vivo en Compostela pola prohibición de tocar nos bares e houbo uns meses baleiros que fixo que desexaramos aínda máis que volva o latexar da música, tan típica de Santiago.

-¿Cre que era necesario darlle máis cancha a este xénero?

-Totalmente. Ademais a nosa música conecta con outras culturas e propicia a participación, o baile, e ten moita enerxía. Levo toda a vida descubrindo a riqueza da música tradicional galega e segue a sorprenderme.