O museo puxo en marcha un proxecto que busca a implicación dos colectivos cidadáns
05 dic 2018 . Actualizado a las 04:55 h.O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) despide o ano do seu 25 aniversario con música, cursos e cinema para acompañar a súa oferta expositiva. Unhas iniciativas que supoñen un xeito diferente de achegarse á arte contemporánea e, ademais, procuran novos públicos para o museo.
Concerto
Vertixe Sonora
18 de decembro • 20.30 horas • Música e arte danse a man no ciclo Correspondencias sonoras, dirixido polo grupo Vertixe Sonora con Pablo Coello á fronte. Na súa próxima sesión son as obras da mostra Without, de Julião Sarmento, as que serven de inspiración para os compositores. Así, estrearanse pezas de Lesley Hinger (Canadá, 1983), Cristian Märkl (Alemaña, 1979), Cariya Maminova (Rusia, 1988) e Daniel James Milles (Estados Unidos, 1989). A actividade inclúe un concerto didáctico previo para escolares.
Talleres
Na Varanda
Un dos obxectivos que se marcou como prioritario o museo é achegarse ao público máis próximo. Nesa liña enmárcase o proxecto Na Varanda, que busca un diálogo coa veciñanza de Santiago. O venres 21 de decembro desenvolverase a segunda das xornadas e nela os participantes poderán coñecer máis polo miúdo a colección. Despois de catro sesións formativas, os participantes desenvolverán a súa propia exposición.
Aula Diversa
O CGAC acaba de poñer un marcha un programa no que propón a arte contemporánea como ferramenta de inclusión social e así lograr a integración de persoas con diversidade funcional. O próximo día 12 desenvolverase unha visita guiada e un dos talleres. Nesta primeira edición Aula Diversa céntrase na natureza e na abstracción.
Audiovisual
«Os amores difíciles»
De 19.00 a 20.30 horas • Todos os mércores • O crítico, docente e programador cinematográfico José Manuel López é o encargado de impartir o curso de cinema Os amores difíciles, no que analiza como o cine moderno cuestiona o final feliz das historias de amor. A actividade de hoxe centrase en filmes de Richard Linklater, o próximo mércores será a quenda de Pedro Almodóvar e, para rematar, o 19 de decembro, repasarán obras de Terence Davies.
«Mirada país»
Achegar a creación audiovisual galega máis alá dos xéneros convencionais é o obxectivo do ciclo que puxeron en marcha o CGAI e o CGAC e que durante este mes chega ao museo compostelán. Trátase dunha escolma de videocreacións galegas de 31 artistas. Empezou onte e haberá sesión os próximos días 13, 19 e 20.