A creación do PEL revoluciona a xeración de emprego na provincia

S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Cun investimento de 30 millóns de euros, a Deputación orixinou 2.643 contratos e apoiou a 1.800 emprendedores

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O emprego é a base da saúde económica dun pobo. Por iso, a última crise mundial deixou afectada a unha clase traballadora que tenta subsistir nunha época de vacas fracas. As Administracións deseñan estratexias que, no caso español, actúan con excesiva lentitude. «O desemprego é un drama que a día de hoxe seguen vivindo en primeira persoa máis de 65.400 fogares da provincia da Coruña», esgrimiu esta semana o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Cando alcanzou o goberno provincial no 2015, comprobou que a Deputación debía reestruturarse pensando, principalmente, en fomentar o emprego no menor tempo posible. «Observamos que era moi pouco o que se viña facendo nun ámbito para nós tan importante e estratéxico como é a creación de emprego —esgrime o presidente—; na Deputación só existía un plan de contratación temporal de cuadrillas de operarios, dotado cuns 800.000 euros anuais, que permitían aos concellos contratar a uns centos de persoas durante uns meses para realizar traballos de mantemento e limpeza de parques, estradas e edificios municipais». Ao goberno de González Formoso pareceulle unha porcentaxe paupérrima en emprego para unha Administración que contaba con 180 millóns de orzamento anual, polo que deseñou unha nova forma de actuar dende a Deputación.

Así naceu o Plan de Emprego Local (PEL), unha estratexia con ferramentas moi diversas para empurrar ás empresas a contratar e aos emprendedores a dar o paso de sumarse ao tecido económico. Dende o 2016 investíronse máis de 30 millóns de euros en programas de emprego, que permitiron crear 2.643 postos de traballo (dos que dous terzos se converteron en indefinidos), e impulsar a 1.800 emprendedores.

Unha das primeiras medidas foi triplicar a axuda directa á contratación dos municipios cun programa chamado PEL-Concellos. Unha das condicións da axuda son os perfís dos contratados: parados de longa duración, maiores de 45 anos e mulleres.

Para axudar a activar a economía e o emprego dende o sector privado, outra das frutíferas ramas do PEL é a destinada ás pequenas e medianas empresas, ás que se axuda dende a Deputación abonando o 75 % dos gastos de contratación dun traballador durante un ano.

Emprendedores

E queda un vértice máis deste plan, o que incentiva aos creadores ou xoves empresarios a dar o paso para crear a súa propia empresa: o PEL-Emprende, con axudas para obxectivos moi diversos (arranxos de locais, venda exterior, creación de páxinas web...). Indirectamente, é outra vía para crear emprego a medio prazo se cada iniciativa se consolida co tempo.

O goberno provincial está tan orgulloso deste plan que apenas tardou un ano en darlle visibilidade cos Premios PEL, que esta semana celebraron a súa terceira edición. Neles recoñécese publicamente a aquelas firmas e entidades que favorecen o emprego na provincia.

«Queremos axudar a visualizar o enorme potencial empresarial desta provincia, que é capaz de seguir innovando en sectores tan importantes coma o tecnolóxico ou o cultural, pero tamén noutros ámbitos coma a moda ou o audiovisual, onde as empresas coruñesas destacan pola súa capacidade de ofrecer servizos e modelos de negocio innovadores», indicou o presidente da Deputación. «Neste camiño seguiremos traballando, na procura dos maiores niveis de desenvolvemento e benestar nos 93 concellos coruñeses», engadiu Valentín González Formoso.

Os espazos sectoriais de traballo colaborativo, unha iniciativa pioneira en Galicia

A Deputación está a desenvolver unha rede provincial de espazos de coworking ou traballo colaborativo. Trátase dunha iniciativa pioneira en toda Galicia, que tivo o seu xerme nun espectacular edificio do municipio de Oleiros: o pazo de Arenaza. A Deputación recuperou este inmoble e transformouno nun centro para emprendedores especializado en arquitectura e paisaxe e onde traballan uns vinte homes e mulleres para desenvolver os seus propios proxectos. Ao tratarse dun espazo colaborativo, Arenaza convértese nun templo de sinerxías entre creadores, o que multiplica os resultados para cada un deles e incluso dá lugar a equipos que medran tras asociarse. Varios proxectos están nunha fase primixenia, de preincubación, na que comezan a facer concreta a súa idea. E conviven con outros que xa están máis avanzados (incubación) e que se apoiarán no coworking da Deputación para consolidar o seu negocio. No caso de Arenaza hai lista de agarda, dado o éxito e o grao de satisfacción, xa que se pon ao seu dispor non só un espazo físico con todos os recursos idóneos, senón que tamén se lles imparten charlas para facer triunfar a súa empresa.

Ao de Oleiros acaba de sumarse o espazo de Brión, especializado no sector primario. Equipado coa maquinaria propia dunha cociña industrial, conta con outros instrumentos para dar un valor engadido á transformación dos produtos locais, como unha pasteurizadora eléctrica, dúas maceradoras ou unha envasadora ao baleiro (o equipamento custou 113.000 euros). A Deputación xa anuncia outros espazos comunitarios de traballo e desenvolvemento empresarial —incluídos na liña do PEL-Emprende—, concretamente en Ames, especializado no sector audiovisual; en Boiro, para proxectos acuícolas e do mar; e en Carballo, con novas tecnoloxías.