Xabier Salgado: «En Cáritas debemos denunciar máis a pobreza, que medra en mulleres e nenos»

Irene Martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Salgado sinala que non enfoca as clases de Relixión como algo catequético

05 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É voluntario de Cáritas dende mozo, pero tamén é un activista político e sindical. Xabier Salgado Couselo (Santiago, 1971) é profesor de Relixión no CEIP Fontiñas, unha materia optativa que elixe arredor do 40-45% do alumnado do centro. «Non enfoco as clases como algo catequético, senón como facer a mellor vida posible para todo o mundo. Por exemplo, aos de quinto fálolles da influencia do cristianismo na cultura e as tradicións, mentres que aos de sexto explícolles a importancia da conservación da natureza e o medio ambiente, á luz da encíclica ‘Laudato si’ do papa Francisco».

Salgado empezou en Cáritas como monitor de tempo libre e dende hai case vinte anos é o responsable de Abeiro, un programa de atención a familias monoparentais que se desenvolve en dous pisos cedidos polo Concello no barrio das Fontiñas. Teñen tres educadoras contratadas e oito voluntarios para atender, na actualidade, a unha trintena de unidades familiares. «Facemos acompañamento á familia no seu proceso vital, como apoio a menores, conciliación laboral e familiar, busca de emprego. Por iso queremos ser un centro de referencia. O piar central do noso traballo é considerar a persoa como centro da nosa intervención, para que ela mesma sexa protagonista do seu cambio. A maior conquista é que a unidade familiar logre un traballo e xa non precise de nós», segundo explica. Nesta situación de alarma nacional, Abeiro combina o teletraballo coa presenza das traballadoras, mentres que as urxencias son encauzadas vía telefónica.

Para Xabier ser voluntario é un xeito de vida: «Eu crieime no activismo social e político, así que son voluntario dende a miña fe ata o compromiso co meu país, no desexo de que mude todo o que impide que as persoas vivan con dignidade». Preguntado por se todos os cidadáns deberan ser voluntarias, responde que, «ante todo, este mundo precisa de persoas que non se poñan de perfil ante as desigualdades». Como filosofía de acción social, sinala que comunga máis coa promoción das persoas que co asistencialismo. «En Cáritas ­-engade- debemos denunciar máis as situacións de pobreza, cada vez máis feminina e infantil, traballando moito máis na defensa dos dereitos fundamentais das persoas, como vivenda, emprego, renda mínima, para combater a xeración de excluídos».

En relación ao estado de alarma pola pandemia do coronavirus, Salgado admite que é unha cura de humildade: «Que fráxiles e pequenos somos cando nos críamos todo o contrario. O prezo a pagar está sendo moi alto, pero oxalá sexamos quen, coma comunidade, de afianzar dereitos que, precisamente, fagan máis comunidade sen deixar a ninguén fóra e protexendo aos máis febles. O que estamos a vivir saca o mellor e o peor das persoas e dos sistemas que nos gobernan. Aquí se está a librar unha gran batalla da que desexo que saia un vencedor: a humanidade».

O mestre, por outra parte, fixo viaxes a Mali e a India na procura de coñecementos etnográficos. No país africano descubriu as necesidades da inmensa maioría da poboación, mentres que no país asiático reparou na relixiosidade hindú e o sistema de valores: «Na India ves moita pobreza, e como a xente che pide un trozo de pan na rúa para xantar». Xabier pasa estes días entre avaliacións telemáticas e a lectura dunha biografía de Bob Dylan.