Roberto Almuíña: «O que queremos son solucións para agora e non para dentro de 20 anos»
SANTIAGO
O presidente da asociación de veciños do casco monumental Fonseca anima a repensar o turismo e promover os congresos
08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O casco vello de Santiago loce por primeira vez escaso de turistas. A actividade hostaleira e comercial está baixo mínimos no cidade histórica. O pulso do seu barrio coñéceo ben Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, que ve con preocupación o futuro de Compostela.
-A pandemia está a cambiar a imaxe das cidades por completo. Sen turistas, cos bares pechados e os comercios baleiros, como se vive todo isto na zona vella?
-A situación é a que é. Nós, como veciños, o que queremos é que os bares estean abertos e o comercio siga vendendo. Eu creo que desde a pandemia cada vez compramos máis no barrio porque somos conscientes das súas dificultades. Agora o que toca é apoialos, aínda que sexa pedindo o café para levar. Logo está o dos turistas, que nós queremos que os haxa, pero desde a asociación cremos que hai que darlle unha volta e repensar o tipo de turismo que queremos ter na cidade.
-Este verán o descenso de visitantes foi enorme.
-Si, pero o que pasa é que sempre se concentran arredor da Catedral, como demostran diversos estudos. Logo, o resto da cidade non se visita e iso tampouco é bo. O turismo pode medrar, pero non saturar, porque o que non queremos é que haxa hordas de turistas que teñas que ir apartando cando vas pola rúa. Eu entendo o interese no Xacobeo, por exemplo, porque é moi beneficioso para toda Galicia, pero en Santiago a xente que chega non deixa un can. Chega ao final da etapa, como no ciclismo. Necesitamos que a xente quede e para iso hai que promover congresos, e aí ten que implicarse a Universidade, que non é un ente alleo á cidade. Ten que facer moito máis para potenciar a súa vitalidade.
-En relación coa actividade comercial, que lle parece que Raxoi endureza as condicións para a venda ambulante no casco histórico?
-Todo o tema das medalleiras hai que abordalo xa. Non poden andar de arriba a abaixo. O de vender na rúa non se sostén, sobre todo cando hai locais abondo. Se teñen que recibir axudas pois terán que recibilas. O comercio ten que ter os seus locais, porque a xente que vende na rúa non o pasa ben, pero, dito iso, hai que buscar unha solución que non pase só por prohibir. O que hai é que propoñer e empezar a falar en positivo.
-O problema desta venda, segundo a comisión asesora do Concello, é que non é respectuosa «co valor universal excepcional recoñecido á cidade vella pola Unesco». Que opina disto?
-Todo iso está moi ben, pero se tanto se fala do valor do casco tamén habería que empezar a recoñecerlle o esforzo a quen se encarga de mantelo, que somos os veciños. Non pode ser que as axudas para manter as nosas vivendas computen como un ingreso máis na declaración do IRPF. É un ingreso, pero non para irnos de vacacións, senón para coidar dos elementos que forman ese patrimonio. Ademais hai que usar materiais específicos e todo isto ten un custo maior. Non quero que nos dean máis vantaxes que no resto da cidade, pero si que quero que compensen a diferenza de custos que implica vivir aquí. Pasa o mesmo coa conexión a Internet.
-Parece que a fibra óptica vai ser unha realidade.
-Agora xa estamos en camiño e aí levamos moito tempo facendo presión. Coñezo o caso dunha avogada que non se pode comunicar co xulgado e ten que ir á biblioteca pública. Aquí temos hoteis, bancos e xestorías que están tendo un sobrecusto que non terían no resto da cidade ou que van como poden. Estamos en pleno século XXI e isto non pode ser, sobre todo agora que moita xente traballa na casa.
-Cre que todo iso inflúe na perda de veciños do casco monumental?
-Todo suma. Queremos solucións para agora e non para dentro de vinte anos, por iso hai que esixir medidas áxiles por parte da Administración e tamén axudas. Hai que darlle solucións a quen se ten que ir vivir fóra porque non pode asumir o custo dunha vivenda. Logo van para O Milladoiro ou Cacheiras e gastan os cartos no seu coche ou no autobús. Non nos favorecemos nada.
Sacar os coches do arco de Mazarelos é unha das súas maiores preocupacións
Entre todas as cuestións que preocupan na Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, explica Roberto Almuíña, hai unha que ocupou boa parte do seu tempo de traballo ao longo deste ano: facer de Mazarelos unha zona peonil.
-Raxoi xa anunciou que vai limitar o tráfico de Mazarelos.
-Estano deixando pasar. Queremos falar co concelleiro de Tráfico para coñecer en detalle que plan e que prazos ten. Vaise adiando e agora din que a covid impide e non sei que, pero o virus non impide tomar decisións e ir actuando en certos ámbitos. A zona está ateigada de coches e os furgóns que exceden o tamaño da porta vella saen pisando as beirarrúas. Esa porta está pensada para os tempos dos carros de cabalos, non para o das furgonetas, que a teñen toda rozada. Nós xa reclamamos que a rehabiliten, porque ten unha greta nun lado e non pode ser que a última porta que temos estea así.
-Para o ano van ter local sociocultural, non é?
-Desde a nosa constitución estamos esperando por el e agora mesmo a asociación está na miña casa. O Concello negociou con Abanca e parece que chegaron a un acordo pola antiga biblioteca de Caixagalicia, pero agora hai que acondicionar o espazo. A ver se para o ano xa podemos dispoñer del para ter as cousas da asociación onde corresponde.
-Que opinión ten da anulación do veto aos pisos turísticos na zona monumental?
-É lamentable que se lle saque un defecto de forma ao Concello de Santiago. Alguén debería asumir esa responsabilidade, sobre todo porque estes pisos supoñen unha competencia tremenda para os hoteis, que ao final son os que xeran postos de traballo e non os pisos. Hai que repensar este tipo de cousas e poñerlles coto polo seu ben, porque non hai negocio para todos.