A montaxe «Serva me, servabo te» poderá verse ata o 26 no Salón Teatro
15 sep 2021 . Actualizado a las 15:30 h.Corpos que loitan, que bailan, accionando... Desde un sen vontade a outro cheo de enerxía. Os corpos en movemento son a base sobre a que se asenta Serva me, servabo te (Axúdame e axudareiche, en latín), a terceira produción propia deste ano do Centro Dramático Galego (CDG), que poderá verse ata o 26 de setembro no Salón Teatro. Trátase dunha montaxe que explora novas linguaxes escénicas da man de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, integrantes da compañía Pálido Domingo, que se encargan da dirección da peza e tamén participan como parte do elenco artístico nesta nova aposta da compañía pública pola dramaturxia contemporánea.
«Neste espectáculo exploramos as fronteiras entre a violencia e o coidado, esa liña que as separa, como se ven afectados os corpos», explica Fran Martínez. Trátase dunha aposta partindo dun teatro moi físico, engade Diego M. Buceta. Como noutras pezas da propia compañía, nesta co CDG traballan con elementos de artes marciais e con algunhas secuencias do muai thai. Todo iso enriquecido polas videocreacións de Laura Iturralde, que tamén se encargou da iluminación así como da escenografía xunto a Camen Triñanes. «As videocreacións axudan a elaborar a dramaturxia da peza e son máis corpos. Entón multiplican os nosos corpos. Esas videocreacións son fundamentais na dramaturxia, non só desde o aspecto visual e estético», explica Fran. Todo para crear distintas atmosferas.
Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez comparten escenario con Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas e Cris Vilariño. Trátase da primeira vez que contan cun elenco tan amplo nas súas creacións, de aí que tamén se impregnara na peza a idea de colectividade. Aínda que foi a propio equipo de Pálido Domingo o que se encargou da dramaturxia e a parte creativa, Diego M. Buceta resalta que foi un traballo de oito persoas compartido. Así hai algo de cada unha delas nesta proposta que se prolonga durante uns 70 minutos e que se puido ver por primeira vez o pasado 5 de setembro no Festival de Teatro Galego Celso Parada de O Carballiño.
Desde a compañía creada no 2017 non agardaban recibir esta chamada do CDG para dirixir unha das súas producións. É máis, trátase da primeira vez que se soben ao escenario do Salón Teatro. «Nós estamos acostumadas ao pequeno formato e as salas alternativas», relata Diego, que resalta que se atopan «agradecidas pola oportunidade», que ven como un xeito tamén de reclamar un espazo para as artes en movemento en Galicia. Ao traballar para a compañía pública, explica que o proceso foi moi diferente ao habitual, xa que eles acostuman a contar cuns proxectos máis dilatados no tempo, que nesta ocasión tiveron que adaptar para uns ensaios a principios de ano e agora. «Estivemos moi coidadas, foi moi intenso e moi satisfactorio», engade. Un espectáculo no que, a pesar destas diferenzas á hora de desenvolvelo co seu habitual, manteñen toda a esencia da súa forma de facer.
Encontros co público ao remate das funcións dos domingos
Serva me, servabo te ofrecerá funcións de xoves a sábado ás 20.00 horas, e os domingos ás 18.00 horas no Salón Teatro. Precisamente, nas xornadas dominicais, na aposta da compañía pública dirixida por Fran Núñez por achegar as artes escénicas á cidadanía, haberá encontros entre o elenco e o público ao remate da función. O CDG ten previsto, ademais, contratar autobuses para o desparazamento de alumando dos centros de danza de toda Galicia para que asistan ao espectáculo. O domingo 26 haberá unha representación inclusiva e os xoves funcións descontraídas.
As entradas, cun prezo de 10 euros -agás o domingo, día do espectador, a 6 euros-, están á venda en Ataquilla.com. Tamén poden adquirirse desde dúas horas antes da función no despacho de billetes da sede da compañía pública na Rúa Nova.
Cándido Pazó e Marta Pazos dirixirán as dúas novas producións da compañía pública
Con Serva me, servabo te a compañía pública pecha as producións propias deste ano, pero xa está co proceso de selección do elenco para as que afrontará o no 2022: unha adaptación de A peste de Albert Camus á fronte da cal estará Cándido Pazó e Ás 8 da tarde cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez. A súa posta en escena suporá a contratación de 22 intérpretes e un investimento de case 600.000 euros.
A adaptación de A peste é unha versión teatral da obra de Albert Camus que invita a reflexionar sobre o comportamento da sociedade e dos individuos en situacións de crise. Este espectáculo de Cándido Pazó prevé a súa estrea para xaneiro de 2022 e estará en cartel ao longo de oito semanas. Para a súa representación, o CDG contratará 15 intérpretes, tres coa categoría de protagonistas e 12 como principais.
No caso de Ás 8 da tarde cando morren as nais sitúa o público como centro do espectáculo, cunha temática autocrítica e metateatral de gran forza expresiva, chea de humor e de crítica sociolóxica. Neste caso, a estrea está prevista en abril. Estará en cartel seis semanas ao que lle unirá unha xira a finais de ano. Para esta produción está prevista a contratación de sete actores e actrices, un como protagonista e os restantes como principais. A duración dos contratos para as dúas producións será de 3,5 meses, distribuídos entre a segunda metade deste ano, desde a data de comezo dos ensaios e a fin da exhibición do espectáculo.
Con estas dúas novas producións, a unidade de produción teatral da Xunta incide na liña da produción deste ano: como é a adaptación dun clásico -no 2020 foi o O charco de Ulises-, e de dramaturxia contemporánea -con Terceiro acto e Serva me, servabo te-. Con isto, o equipo dirixido por Fran Núñez busca garantir a pluralidade da escena. Na nova tempada volverán a reforzar o achegamento do teatro á cidadanía, cunha estratexia de distribución que permita implicar ao maior número de persoas posible no territorio galego. Nese sentido, segundo xa anunciou a Xunta, a previsión é realizar preto de oitenta funcións.