Aqueles anos picheleiros de Paco del Riego

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Concello de Vigo - Arquivo Francisco Fernández del Riego

A súa etapa de estudante na USC, antes do golpe de estado do 36, é das máis esquecidas

15 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«No novo escenario ao que acudiamos produciríase un entón inédito cambio existencial. Acabados de chegar á cidade compostelá, instalámonos nun folgado baixo da casa número 24, situada na Virxe da Cerca. A vivenda compúñase, ademais, dun amplo soto e xardín traseiro». Comezaba así, abofé, unha historia épica, un camiño andado de loita, tesón e resistencia, que levaría a un rapaz de Lourenzá a converterse no construtor dun país e, sobre todo, no reconstrutor dunha Galicia esfarrapada pola ditadura.

Aló, no número 24 da Virxe da Cerca, encetaban os anos picheleiros de Francisco Fernández del Riego, unha época que amosa «ata que punto foi unha persoa produtiva, activa e relevante», explica Henrique Monteagudo, vicesecretario da Real Academia Galega e profesor da USC que esta semana presenta un libro sobre a pegada que deixou Paco del Riego na Universidade: Ao meu xeito rebelde.

 

Porque foi o seu discurso o primeiro de outubro de 1933, no que reclamaba a galeguización dunha universidade que fora definida por Castelao nos anos 20 como a ama de cría do caciquismo, o que aguilloou as conciencias dun estudantado que mudaba, que tomaba conciencia, que se mobilizaba. Atrás quedaban os anos da Casa da Troia e comezaba a coller pulo un movemento de galeguización da universidade. «Por primeira vez se fala dun programa para que se creen cátedras de lingua e literatura galega, de historia, de antropoloxía, de dereito, de xeografía»... Algo, lembra Monteagudo, que hoxe parece «moi banal» pero que daquela supuña unha revolución. Ata o punto de que houbo tal balbordo polas súas palabras que foi a derradeira vez que se convidaba a un estudante ao acto de inauguración do curso universitario.

As xeracións actuais poden mirarse naqueles estudantes (primeiro García-Sabell, logo Carvalho Calero e finalmente Paco del Riego) que fiaron un movemento de renovación universitaria nos derradeiros anos da República. E que tamén permitiu a algunhas mulleres entrar nas aulas universitarias. Como Evelina Hervella, estudante de Farmacia que, canda as súas amigas, acudía a todos os actos nos que Francisco Fernández del Riego era orador. «Daquela era algo moi importante, porque non había tele. Creo que as mozas andaban pilladas por el», di cun sorriso Monteagudo.

Se se pasea pola Alameda, aló está el, de parola con Evelina Hervella, coa que remataría casando, ou con Carvalho Calero, Seoane e Cunqueiro. Na Rúa do Vilar permanecen os ecos da imprenta Nós, na que colaborou con Ánxel Casal cando aínda non soñaba ser o motor de Galaxia. Aínda hoxe se poden atravesar as portas do Derby (agora oficialmente Morriña) que atravesaba don Paco (ou as do Café Español) para participar nos faladoiros que alí se celebraban — «os cafés poboábanse de murmurios, de falares, ás veces apagados polo bater das fichas de dominó», explica en Camiño andado—. En calquera paseo pola zona vella estaranse pisando as pegadas que deixou don Paco mentres camiñaba «mollado de saudades, coa alma alagada de ilusións, mesturado co orballo». Unha Compostela que dende a Ferradura «ofrecíaseme como unha paisaxe de augaforte». Un Santiago que «é algo vivo, directo, operante».

 «Gorentábame cachear os ficheiros na biblioteca» e en Fonseca, comezou o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos. Deu conferencias, organizou exposicións, publicou revistas. Traballou arreo polo seu país, por Galicia. Aos poucos, explica nas súas memorias, deixou de ser un estudante anónimo. Comezaba a agromar un dos grandes alicerces de Galicia. Di Xusto Beramendi, autor de Loitando pola Galicia que non foi. Artigos e conferencias. 1932-1936. «O Paco del Riego de despois da guerra é un persoeiro tan importante para a cultura galega e para o galeguismo que iso ensombrece totalmente o anterior». Aqueles anos picheleiros de Paco del Riego.