Aitor Bouza, próximo secretario xeral do PSOE en Santiago: «Estou convencido de que dentro de catro anos, sexa quen sexa o candidato, recuperaremos a alcaldía»

r. martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A súa foi a única candidatura que se presentou á renovación da dirección local, dende onde quere converter de novo o PSdeG «en referencia na cidade»

14 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O PSdeG-PSOE renovará o día 21 a súa dirección local logo da renuncia da anterior polos malos resultados electorais e de que unha xestora asumise este período de transición. Á fronte estará Aitor Bouza (1991), un ferrolán que chegou a Santiago para estudar Dereito e que xa quedou na capital, previo paso por Madrid un ano ao terminar a carreira. Militante dende os 18, a súa foi a única candidatura a dirixir o partido, co que o sábado será proclamado automaticamente secretario xeral. Bouza quere volver facer do PSdeG un partido «de referencia en Santiago» logo de ter asumido con «humildade» un resultado electoral que non agardaban e que os apeou da alcaldía. «A cidadanía quere un PSOE referencia de novo e imos construír ese proxecto», di. Entre outros, acompáñano na nova directiva o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a exconcelleira Marta Álvarez-Santullano.

—Este é un momento delicado para o PSOE. Como chega a decisión de dar ese paso?

—Logo dese resultado un grupo decidimos dar un paso ao fronte para rexuvenecer o partido e, ao final, o proxecto que presentamos combina renovación con experiencia para poder trasladar á cidadanía que o PSdeG está de volta. Porque está de volta, cun proxecto renovado, colectivo, aberto a todo o que se queira sumar e que imos ir construíndo da man da veciñanza.

—Acabará ese proxecto coas rifas internas dos últimos anos?

—Ao botar a vista atrás, a cidadanía co que se queda é co amplo legado, cos grandes avances da cidade e cos nomes propios de quen, como Sánchez Bugallo, fixeron posible que Santiago fose unha cidade de referencia, de vangarda, diversa, e iso é co que nos quedamos. A nivel interno, a día de hoxe non hai ningún problema, este non é un proxecto individual, senón un proxecto aberto a toda a militancia e para a cidadanía. Esa é a clave para saír fortes.

—Pretenden ser referencia, pero o reto non é menor. Veñen de perder a alcaldía, e non fronte ao PP, como no 2011, senón fronte a outra formación de esquerdas.

—Si, sabemos a situación na que estamos, por iso damos o paso con absoluta humildade, sendo conscientes da importancia do reto e tamén das funcións que imos ter que desenvolver. Somos conscientes do legado que recibimos, pero moitos dos proxectos que presentamos á cidade non saíron porque os partidos de esquerda non os apoiaron. Pero a cidadanía dixo que non nos correspondía seguir gobernando. O partido entendeu a mensaxe, pero neste tempo novo vai tentar reconectar. Que é fácil? Non, pero con traballo, dedicación, humildade e escoita activa da cidadanía ímolo conseguir.

—O BNG insiste en invitalos a entrar no goberno. Esta aberta a nova dirección a esa posibilidade?

—A decisión que se adoptou xa foi consensuada polos diferentes órganos do partido. Coido que non hai ningún tipo de cambio que poida dar lugar á modificación da postura e imos manter a coherencia que xa explicou o partido.

—Este paso seu trae detrás a aspiración de ser candidato á alcaldía?

—Agora a única aspiración que teño e volver reconstruír o PSOE. Esa outra cuestión non é a que agora debatemos, non está enriba da mesa nin na miña cabeza. O que temos que conseguir agora é un PSOE forte, unido. Cando chegue o momento xa falaremos de a quen lle corresponde encabezar o proxecto. De momento a aspiración é construír un proxecto co que a cidadanía se sinta identificada. E estou convencido de que en catro anos, sexa quen sexa o candidato ou candidata, ao final recuperaremos a alcaldía.