As cidades e as súas contornas, o que denominamos cidades-campo, son á vez conxuntos económicos e espazos sociais nos que, cada día, a sociedade e o mercado se relacionan, se complementan e axustan as prioridades respectivas.
As densidades de tráfico nos centros urbanos son insoportables, antieconómicas e atentan contra a calidade do ambiente. Por iso, todas as cidades grandes e pequenas se enfrontan arestora á necesidade de concertar o tránsito das persoas e mercadorías, os medios de transporte público e privado.
O planeamento de 1989 deseñou unha centralidade complementaria ao longo do periférico norte-sur, no borde do cal se situaron as grandes obras dotacionais, marcando un límite ao crecemento, sinalando amplas zonas de desenvolvemento residencial e circundando o centro histórico con extensións verdes a modo de anel protector.
Hoxe, con outras pautas de vida, convén darlle un novo cometido a esas dúas centralidades adxacentes. Non é o momento de acometer grandes infraestruturas, fóra daquelas sectoriais indicadas na revisión do PXOM en 2008. Podemos considerar que esa cidade construída está feita e que non van ser necesarios máis pasos elevados ou soterrados, nin aparcamentos que atraian máis tráfico nas horas punta. No entanto, cómpre mirar cara ao interior deste gran centro dual, histórico e moderno, cara ás rúas, prazas, avenidas e bulevares, e relacionalas coas vías de entrada do tráfico que devén da condición de capitalidade e do reclamo turístico, como un fluxo continuo de individuos e máquinas, iso si, marcando prioridades.
É o momento de ampliar o sentido do termo rehabilitación alén da arquitectura, aplicándoo á trama viaria para remodelala e darlle uns usos máis racionais. E aquí non abonda con medidas puntuais ou grandes estudos estratéxicos que encobren cunha arroiada de datos a falta de contexto. Todo está relacionado con todo e calquera decisión compromete a súa contorna.
Véxase, por exemplo, os proxectos para O Milladoiro, a mobilidade do sistema hospitalario, ou as actuacións en Amor Ruibal e Romero Donallo, que a primeira vista parecen desconectadas do papel que podería xogar o primeiro tramo do periférico.