David Loira: «A danza, poñer o corpo nunha época de máquinas, é un acto de resistencia»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Estrea no Gaiás «Blondi», que toma o nome da cadela de Hitler para a partir de ahí falar da liberdade

04 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Guía turístico e bailarín, creador e actor. E todas esas facianas de David Loira (Ferrol, 1979) converxen en Blondi, o espectáculo que estrea este sábado na Cidade da Cultura (17.30 horas, galería de servizos) no marco da décima edición de Escenas do Cambio.

—Trátase dun espectáculo que tivo o seu xermolo entre o Festival Queer de Lisboa e a súa experiencia como guía turístico en Berlín e no campo de concentración de Saschengausen.

—Naceu da idea para tratar temas que son actuais pero revisando a nosa memoria histórica. Entón, collendo a Blondi, a cadela de Adolf Hitler, podía achegarme ao presente.

—Por que a elección da cadela de Hitler?

—Estudando para exercer como guía turístico en Alemaña interesoume a figura da cadela de Hitler porque desde ese lugar sentíame máis libre para falar de temas que, ás veces, son incómodos. Partindo da cadela podía tratar asuntos como a obediencia á autoridade xa que ao ser un animal é un lugar moito máis inocente desde onde falar de moitos asuntos en relación a nós como sociedade.

—Obediencia, autoridade..., que outros asuntos pretende transmitir con «Blondi»?

—Principalmente, é que o público reflexione sobre o momento no que nos atopamos como sociedade, ás veces, inmersos nas redes sociais querendo ser líderes, buscando seguidores ou seguindo a outros. Entón, sería abordar que lugar ocupa a liberdade nestes tempos, se obedecemos aos demais ou queremos líderes para seguir. Tamén é unha homenaxe aos prisioneiros homosexuais que morreron en campos de concentración. A idea é traer o pasado ao presente, pero tamén recoller os tempos actuais, porque seguimos matándonos, odiando ao diferente... A miña idea é poñer luz a moitos episodios escuros, pero tamén poñer beleza e poesía.

Esa mestura de pasado e presente pódese apreciar na peza ao botar man da cadela de Hitler e dos ‘youtuberes’. Non estamos tan lonxe do pasado do que nos pode parecer?

Sen dúbida. Iso pásame moito facendo o meu traballo de guía turístico. Falaba hai anos de información que eu sentía moi lonxe, pero agora xa non se sinte tan lonxe co panorama político que temos e ese odio a certas minorías. No espectáculo, a idea do youtuber axudábame a presentar aos novos líderes, que poden ser máis mediáticos. Entón, tomo a idea dese youtuber ensinando a postura de ioga «o can boca abaixo» axudábame en escena para converterme pouco a pouco na cadela de Hitler e xa sen saber se eu son o líder ou obedezo, se son libre ou escravo.

—Que supuxo para vostede a chamada de Escenas do Cambio?

—Síntome ben por falar de cousas que, ás veces, hoxe en día hai moitas persoas que non quere tratar ou non queren lembrar, como é a memoria histórica. En Alemaña, na miña opinión, están un paso por diante doutros países. Tamén é dar voz á memoria, que non se esqueza o que pode acontecer se baixamos a garda e perdemos certas liberdades porque parece que están moi asumidas, pero non. Así, presentando Blondi gustaríame reflexionar sobre a fraxilidade de nós como sociedade libre, independentemente de como sexamos, sintamos ou pensamos.

—Leva desde o 2002 traballando no mundo da danza, pero tamén o compaxina co de guía. E tan difícil esta arte do movemento?

—Polo camiño que levo percorrido e pola miña idade —teño 45 anos—, falabamos entre xente do sector de que era militancia. Poñerse enriba dun escenario é un acto de militancia, de resistencia, porque a danza nos sistemas nos que vivimos hai que surfear moito. Poñer o corpo nunha época no que todo son máquinas é un acto de resistencia.

—Entón, o que non pensa é en deixar a danza?

—Penso que a danza vai estar sempre. Incluso cando non estamos enriba dun escenario, as persoas de corpo ímolo ser. Pódese crear sen estar enriba do escenario.

—Participou en proxecto con Exprimenta Danza, Caramuxo Teatro, Kirenia Danza, Berrobambán...

—Sempre fun coidadoso á hora de elixir os proxectos. Agora aínda sigo en activo en Kirenia Danza xa que me propuxo falar da miña posición como emigrante porque é ser un mesmo. En Blondi tamén traballo con información máis persoal. Estou aberto a colaborar e tamén crear se teño algo que quero dicir.