O actor santiagués e a actriz Paula Cereixo participan no concerto de peche de festexos dedicado ás bandas sonoras do cinema
11 may 2024 . Actualizado a las 04:55 h.As atraccións, as tómbolas, e sobre todo, «comer as mazás de caramelo, que estaban boísimas». Esas son as principais lembranzas de cando era raparigo que lle veñen á cabeza ao actor Monti Castiñeiras (Santiago, 1963) cando pensa nas Festas da Ascensión. Xa cando cumpriu anos, tamén lle engadiu o feito de acudir a botar algún baile. E desde este ano as festas sumarán outro recordo destacado para o intérprete que deu vida a Santos en Serramoura: actuar nelas para pechalas nun espectáculo xunto á Banda Municipal de Música de Santiago.
O domingo, ás 19 horas, na praza da Quintana, a formación dirixida por David Fiuza ofrecerá o programa Dende a sétima arte no que interpretará as bandas sonoras de sete filmes acompañada por Monti Castiñeiras e pola actriz Paula Cereixo. «A Banda vai tocar os temas do cinema e nós imos poñer o noso gran de area recordando algúns dos diálogos emblemáticos de cada unha das películas. Ademais, tamén se van proxectar imaxes», resaltou o actor compostelán. O programa inclúe composicións dos filmes The Cowboys, West Side Story, The Lord of the Rings, Gladiator, Out of África, The mask of the Zorro e bandas sonoras de Nino Rota. «É un proxecto moi bonito porque as versións están fenomenal, a banda ten uns musicazos e para nós colaborar coa banda é un luxo», engadiu Monti Castiñeiras.
Para o actor compostelán esta será a segunda vez que colabora nun proxecto musical destas características. A primeira ocasión fora no pasado marzo, tamén coa Banda Municipal de Música de Santiago, para dar a visibilidade ás mulleres pintoras. Cal é a maior dificultade deste proxecto? «Temos os tempos moi medidos para non tapar os momentos claves da interpretación dos músicos, porque eles son os importantes. Nós eliximos un momento de cada tema para non perturbar demasiado. É un gustazo estar no escenario actuando coa música por debaixo. É estar nunha película e vivindo a música en directo», detalla Monti Castiñeiras, que está disposto a facer novas colaboracións coa Banda Municipal. Resalta que o domingo tamén haberá algunha sorpresa: «Vai ser moi divertido».
E como compostelán, que supón actuar nas Festas da Ascensión? «Para min sempre ten un significado especial actuar en Santiago. Sempre aspiro a dar o pregón das Festas do Apóstolo (ri), pero aínda teño que facer máis méritos», responde a modo de brincadeira. Para Monti Castiñeiras tamén será a primeira ocasión que actúe na praza da Quintana, o que ten tamén un valor engadido.