Recollen no Álbum de Galicia a biografía do crego melidá que impulsou a tradución da Biblia
SANTIAGO
Ana Abad de Larriva escribiu unha biografía sobre Xosé Manuel Rodríguez Pampín
28 jun 2024 . Actualizado a las 05:05 h.Conta Manuel Rivas no seu libro As voces baixas que era un mozo cando tivo na man por vez primeira un exemplar de Sempre en Galiza. A referencial obra de Castelao recibiuna ás agochadas dun mestre que tivo no Instituto Mixto de Monelos, en A Coruña. «Foi un convencido e destacado galeguista, algo que se reflectiu tanto no seu labor como sacerdote, como no de profesor, e tamén no de escritor e tradutor», recolle a escritora Ana Abad de Larriva na biografía que escribiu sobre Xosé Manuel Rodríguez Pampín (Melide, 1940-1997) para o Consello da Cultura Galega (CCG), que vén de incluír no chamado Álbum de Galicia, a súa colección dixital de biografías, a dese ilustre e polifacético melidao.
Rodríguez Pampín deixou á súa morte un considerable legado no eido das letras galegas, froito tanto dun firme compromiso coa lingua nai, como dunha prolífera traxectoria. Defensor da liturxia en galego, promoveu a tradución da Biblia ao idioma propio, recibindo, xunto con José Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, o Premio Nacional de Tradución. Participou tamén na tradución ao galego de A Biblia do nenos, foi autor da versión galega de O Evanxelio dos nenos, e elaborou varios ensaios de temática eclesiástica. Escritos do seu puño e letra non só de temática relixiosa, senón que tamén cultural, como artigos sobre o refraneiro galego, tiveron cabida nas páxinas da publicación Encrucillada: Revista de pensamento cristián.
O crego melidao, que se licenciou en Teoloxía na Universidade Pontificia de Comillas, colaborou coa Agrupación Cultural O Facho, de A Coruña, impartindo cursos, presentado libros, e dirixindo lecturas dramatizadas, como a da versión galega que Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Franco Grande fixeron de Antígona, de Jean Anouilh. Nos anos 70, descubriuse como autor dramático —coñécenselle tres pezas publicadas na revista Grial— e cultivou a narrativa, escribindo contos vinculados á infancia que tamén tiveron cabida nas páxinas desa publicación. Rodríguez Pampín pechou esa década promovendo a reedición do Terra de Melide, o manual de etnografía que no 1933 saíu do prelo da editorial Nós. No seu Melide natal, a rúa na que se atopa o colexio Mestre Pastor Barral leva o seu nome.