Os representantes das xentes do mar de Galicia homenaxearon en Padrón a Rosalía de Castro
25 jul 2024 . Actualizado a las 05:05 h.Case 20 embarcacións tradicionais saíron onte ás 16.30 da praia do Vilarello (Valga) para percorrer o Ulla e o Sar con motivo do «Inchadiña Branca Vela». O lugar foi o punto de encontro coas catro dornas que saíron ás 11 de Rianxo, entre elas o volanteiro grande: o «Piueiro». Aínda que a navegación supuxo certos esforzos e foi complicada pola calor e a forza do vento en contra, o acto foi concorrido e desenvolveuse segundo o previsto.
A xente que agardaba no Paseo do Espolón pola chegada das embarcacións atendeu non só ao desembarco, senón que tamén ao acto de homenaxe á figura de Rosalía de Castro coa ofrenda floral co alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o de Dodro, Xabier Castro, así como a actuación de gaiteiros de toda a comarca. Os mariñeiros ofreceron os seus remos diante da estatua da escritora, acompañados da interpretación do himno galego a cargo do Coro da Ra, que, xunto aos gaiteiros, continuou coa música ata pasadas as 19.30 no Espolón.