A formación, creada no 2023, tocará por primeira vez esta noite no festival Feito a Man
14 ago 2024 . Actualizado a las 04:55 h.22 horas • Rúa Xelmírez • O festival Feito a Man conta este mércores con Loita Amada, o proxecto que naceu no 2023 da man de Jásper, que fora o líder de Nao. Será a primeira vez neste festival, aínda que non en Compostela, onde a súa música xa soou na Capitol e en Mazarelos. «Somos espectadores do Feito a Man desde hai moitos anos e estamos encantados de que nos chamen. Penso que nos vén ben. Tocar a pé de rúa, enfrontando á xente cara a cara, é algo que nos funciona ben», di. A banda interpretará cancións do seu último disco, «Rematou o simulacro», do do debut, de Nao e tamén algunha versión.
—É tocar a pé de rúa, ¿cámbialle o xeito de afrontar un concerto coma este?
—Non, pero adaptamos a orde das cancións dependendo das circunstancias. Este ano fixemos moitísimas datas de xira de salas presentando o último disco, «Rematou o simulacro». Basicamente tocamos todas as fins de semana, desde febreiro ata finais de maio. Logo este verán, estamos tocando todos as fins de semana en festivais para 2.000-3.000 persoas. A nós ese formato gústanos, pero tamén nos gusta moito isto de ter a xente cara a cara, cando estás á altura dela. Penso que fai que sexa unha conexión máis directa. Somos unha banda de persoas próximas e gústanos que a xente cante, que interactúe con nós, que baile, que se mova. Entón, empezamos máis tranquilos e imos subindo, subindo, subindo, ata que ao final xa caña bruta. Deste xeito, comezamos tranquiliños para que a xente colla o ritmo, e logo pasaremos os temas máis de «ska» para facer á xente bailar, para seguir con ese rock que nos caracteriza, que é un pouco máis duro, de cara o final.
—Alude a que a xente baile e cante. Ese é o obxectivo?
—Somos un grupo ao que a xente tamén lle gusta mirar, pero si que as letras están feitas para cantalas. O estilo deste último disco —o primeiro foi máis tranquilo—, era para facer festa, para estar en festivais grandes, que a xente bailara moito.
—«Rematou o simulacro» presentárono en xaneiro na Capitol. Contentos coa acollida?
—A verdade é que cumpriuse a profecía do lema do disco. O primeiro foi de cancións que eu tiña un de cantautor, que gardara ao rematar con Nao, e ese primeiro ano foi con poucos concertos. Entón, volvemos un pouco que era ese estilo máis «cañeiro», no que eu estou máis cómodo, e estamos supersatisfeitos. Vemos que somos unha das poucas bandas, por non dicir a única de rock, que está formando parte dos carteis dos festivais grandes galegos. Esta semana temos tres actuacións e tocamos todas as fins de semana. Estamos pensando en dar un chanzo máis alá o ano que vén, gravando, compoñendo, xirando e saíndo un pouco de Galicia.
—Entón a idea é facer o terceiro disco no 2025?
—O vindeiro ano queremos compoñer, facer un disco que lle dea unha volta ao que se está facendo e ao que xa fixemos historicamente. Queremos intentar musicalmente ir un paso máis alá, crear algo que non estea xa feito. Sei que é algo difícil, pero a nivel musical queremos darlle unha volta ao que xa temos feito. A nosa idea tamén é saír a Europa, xa hai datas pendentes. Tamén temos concertos no País Vasco. Ademais, teremos o peche de xira en Capitol en xaneiro con moitas colaboracións e tamén con xente nova que se vai incorporar ao grupo.
—No concerto do Feito a Man agardan a seguidores do grupo ou maioría de turistas?
—Esperamos encher a rúa entre a xente que nos segue a nós e tamén a xente que visita Compostela. A recomendación que lle facemos aos nosos seguidores é que veñan cedo para coller sitio. Faremos unha festaza no concerto de 80-90 minutos. Os concertos que fas a pé de rúa son para gozar.
—Nao segue aí latente?
—Algunha canción tocamos. A min gústame porque foron moitos anos e a xente tamén as demanda. Penso que a xente non se esqueceu.