A actriz Carmen Méndez debuta detrás da cámara: «Quería reconciliarme cos recordos»

SANTIAGO

Carmen Méndez

Curtocircuíto proxecta esta noite o seu traballo «Pura», no que filma a súa nai e a súa avoa

04 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

20.45 horas • Teatro Principal • A súa faciana é familiar despois de anos chegando aos fogares a través da pequena pantalla. A actriz Carmen Méndez (Neira de Rei, Baralla, 1979) deu vida a personaxes de series como «Pazo de Familia», «Serramoura», «Auga Seca» e «Élite», e, recentemente, meteuse na pel de Mónica en «Saudade de ti», que pechou recentemente tempada na TVG. Tamén participou en longametraxes. Pero esta noite será protagonista non por poñerse diante da cámara, senón por debutar detrás dela, tanto filmando como dirixindo «Pura», que se proxectará dentro da sección «Supernova» do festival Curtocircuíto.

Neste traballo, Carmen Méndez pon o foco na súa nai Pura e na súa avoa Carmen para dalgún xeito tamén facer un retrato propio. «Foi a primeira vez que me pasou de ter a necesidade de contar algo ou de expresarme poñéndome detrás da cámara. Foi nun momento concreto da miña vida no que sentín a necesidade de mirar un pouco cara dentro e reconciliarme co meu lugar, do que, dalgunha maneira, sempre estaba escapando. Entón, precisaba reconciliarme con ese lugar, cos recordos. Iso ten que ver con explorar dentro de min, comprender cousas», detalla.

Ese foi o motivo que a levou a actriz a coller a cámara por primeira vez e pasar tempo gravando a súa nai e a súa avoa. «Pasar tempo con elas sabía que me ían axudar a ese obxectivo de estar máis en contacto comigo. E así foi», afirma. Para rexistrar eses momentos empregou unha cámara compacta porque non quería que se rachase a intimidade e naturalidade se ía un equipo. O resultado son 25 minutos no que se ofrece «un retrato familiar xa que están tres xeracións, ao estar miña nai, miña avoa e eu, xa que aínda que non estou na pantalla si interactúo con elas ao falarme nalgúns momentos a min». Carmen detalla que déronse conversas que, de non estar coa cámara, igual nunca se terían producido. E a súa familia, que lle dixo ao propoñerlle protagonizar o traballo? «Miña nai, que é a protagonista, díxome: ‘O que necesites. Eu son igual póñasme a cámara ou non’». E así foi, segundo asegura a agora tamén directora resaltando a xenerosidade da súa nai. Estivo un ano de filmando: 15 días de xeito continuado e despois cando volvía á súa casa entre o verán do 2022 e o do 2023.

Despois desta experiencia, Carmen Méndez afirma que seguramente se poñerá máis veces detrás da cámara xa que lle gustou moito. «Quero seguir traballando como actriz, pero isto doume unha visión moito máis global do que custa facer un filme», di.

«Pura» chega hoxe a Curtocircuíto tras participar nun festival en Albania e tamén en mercados de curtametraxes. Para Carmen Méndez amosalo en Santiago é especial xa que vive na cidade. «É presentalo na casa e con amigos. Ademais, Curtocircuíto é un festival ao que vou e cada vez medra máis», afirma.