O Auditorio de Galicia repasa 60 anos de humor e compromiso co país en viñetas de Xaquín Marín
SANTIAGO
A mostra inaugurada este venres poderá visitarse ata o 6 de xaneiro
19 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.«É o cronista gráfico non oficial da Galicia popular dos últimos 50 anos». Así aparece definido Xaquín Marín (Fene, 1943) na folla de sala que acompaña a exposición «Humor líquido», que abriu onte as portas no Auditorio de Galicia e na que se repasan máis de seis décadas de traxectoria deste humorista gráfico, pintor, muralista e caricaturista.
A mostra que se poderá ver en Santiago ata o 6 de xaneiro amplía as previas que houbo na Coruña e en Lugo. Trátase dunha escolma de máis de 150 viñetas, ao que hai que engadir debuxos e cadros. Tamén aparecen correspondencias con outros autores como Raminundo Patiño e Perfecto Conde, así como o orixinal manifesto «En defensa do humor» que asinou con Siro en 1983.
Os visitantes poderán encontrarse con personaxes como Gaspariño, Isolino e o cacique don Augusto, así como con ese humor cheo de retranca co que abordou denuncias e realidades sociais como a situación da lingua, a reconversión do naval ou o caciquismo. «Os humoristas gráficos teñen que ser galegos, facer un humor gráfico galego, na temática e na estética. A estética tamén pode ser galega», afirmou Xaquín Marín nun acto inaugural no que houbo momentos emotivos e, como non, cheos de humor e retranca. Precisamente, antes a alcaldesa, Goretti Sanmartín, subliñou o «profundo compromiso ético» do artista con Galicia cun «humor galego feito e pensado para aquí». Por todo iso, animou á veciñanza a visitar esta exposición.