A Casa do Cabido inaugurou este xoves a mostra que reúne preto de 125 imaxes de finais do XIX e principios do XX
06 dic 2024 . Actualizado a las 08:10 h.A Compostela de finais do XIX e as primeiras tres décadas do XX revive na Casa do Cabido a través da mostra «Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924». Trátase de preto de 125 imaxes tomadas polo fotógrafo Manuel Chicharro e o seu fillo Luis, así como outros membros da familia. Estruturada a través de catro eixes —actos e autoridades, Santiago Intra Muros, Santiago Extra Muros e Más alá de Santiago—, permite ver como se transformou a cidade, incluso na zona histórica, con edificios e elementos que xa non están ou que variaron de emprazamento, tal e como destacaron tanto os comisarios, Carlos Castelao e Rubén Martínez, como a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Tamén figuran imaxes tomadas en puntos como Padrón, Vedra ou Negreira, onde aparece a casa consistorial.
Esta exposición do Consorcio de Santiago parte das 1.300 placas fotográficas de vidro que forman parte do Fondo Chicharro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta). Ademais, as imaxes que conforman a mostra están acompañadas de explicacións e detalles históricos. «Nas imaxes podemos apreciar a mudanza dos nosos edificios, pero tamén das nosas costumes», resaltou Carlos Castelao.