A cantante ofrecerá o venres na basílica un repertorio conformado por panxoliñas
24 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Venres 27 • 21 horas • Catedral de Santiago • Entrada de balde • Os temas de Nadal resoarán este venres na catedral de Santiago na voz de María do Ceo. A cantante estará acompañada de Alejandro Salgado (guitarra portuguesa), José Salgado (guitarra española) e Alejandro Firvida (piano) nun Nadal cheo de actuacións para ela: mañá está no Carballiño, e despois de achegarse a Santiago actuará en Esgos (día 28), Cea (día 29) e A Gudiña (día 30).
—Que supón cantar nun escenario como o da Catedral de Santiago?
—É a primeira vez que vou facer un concerto nela. Non será a primeira vez que actúo nunha catedral porque sempre me gustaron xa que o lugar di moito. Estiven na de Tui, en Ourense, na Sagrada Familia en Barcelona...; pero, para min, facer un concerto na catedral de Santiago era un soño. Foi un soño que tiven desde hai moitos anos, desde que comezaba a cantar. Ademais, é unha catedral moi visitada por min. Este ano tivemos a oportunidade é vou facer un concerto de panxoliñas. Tamén haberá algunha outra canción pero sempre desde un estilo e un respecto. Estará, ademais, o coro de Música nas Miñas Mans, que fan signos para as persoas xordas.
—Ofrecerá panxoliñas galegas e portuguesas. Foi moi difícil a selección dos temas?
—Non. Eu fixen un disco no 2005 que se titulaba «Panxoliñas e villancicos» porque tamén había en castelán. Ademais, todos os anos fago concertos de panxoliñas. Aí achegamos novos temas, pero sen deixar de cantar as máis recoñecidas, como «Toca o pandeiro, Manuel»; «Noite de paz», «Por entre as silveiras»... Son cancións que á xente lle gusta cantar comigo. Da literatura portuguesa teño algunhas panxoliñas feitas por un poeta e músico que colaborou comigo en moitos discos e xa faleceu, Arlindo de Carballo. Cantarei «Noite tan fría» e o «Cuco e o Nadal»... Tamén hai unha nana de Zeca Afonso... É un concerto ao que recomendo que vaian os pais cos fillos.
—Cando comezou ese gusto polas panxoliñas?
—A min sempre me gustaron. De feito, en Portugal sendo unha nena pequena iamos polas casas na noite de Reis cantando as panxoliñas. Era algo obrigatorio. Anos máis tarde, sendo aínda moza, metémonos o meu home e máis eu nunha rondalla moi bonita que se formou en Ourense, que se chamaba a Rondalla Fontenova, e o que faciamos era irlle cantar aos enfermos, aos hospitais, ás residencias de anciáns... Sempre nos encantou a noite de Reis saír a cantar ata as tantas de madrugada. Son lembranzas que sempre terei porque, ademais, eu gozo moito destas datas. Sempre gocei moito do Nadal e de Reis.
—No repertorio da Catedral combinará panxoliñas galegas e portuguesas. Sempre mantivo ese equilibrio ao longo da súa carreira entre Galicia e Portugal.
—Si, é como un selo que teño dentro de min que non podo fuxir nin dunha lingua nin da outra, fusionalas é o mellor que podo facer. O primeiro disco foi de música portuguesa, pero xa inmediatamente no segundo interpretei cancións en galego, onde están «Lela» e «Negra sombra». A partir de aí sempre tentei ou ben no mesmo traballo mesturar portugués e galego, ou ben sacar un disco en portugués e outro en galego. Agora que compoño eu as cancións e poñémoslle música a moitos dos poemas que me pasan, tírame moito a música portuguesa, ese fado que levo dentro. Entón, procuro darlle unhas pinceladas ás cancións de xeito que, aínda que galegas, despois soan moito a iso. A xente dime: «Ti cantas o galego de xeito que me recordan aos fados». E é por iso, porque eu non podo fuxir desa maneira de ser e interpretar que levo no sangue.
—Está xa con algún novo disco entre mans?
—Hai algo máis dun ano fixen «Galicia nai», que aínda teño que traballar moito. Pero, aínda así, estou traballando en novas cancións que irían na mesma liña. Tamén apostarei máis polo acompañamento de piano porque me encontro moi cómoda en directo cando quedo soa con piano e voz. Posiblemente, o próximo traballo vaia nesa liña, aínda que vou seguir con guitarra española e portuguesa.